A actuación dos famosos personaxes literarios comezará ás 18.30 horas no Auditorio e as entradas levan días á venda

A maxia do circo entra nas festas de Nadal co espectáculo dos Bolechas

Son seis irmáns que viaxan sempre acompañados polo seu can, Chispa. Coa chegada das vacacións decidiron non quedar na casa e emprenderon unha xira por toda Galicia co seu circo de Nadal. Eles son os famosos e literarios Os Bolechas, autoría do debuxante Pepe Carreiro, que hoxe mesmo, ás 18.30 horas, desembarcan en Ourense para brincar e divertirse no Auditorio Municipal.
Á escea subirán os máis de 30 artistas que conforman o espectáculo 'Brincabolechas', producido por Edicións Bolanda coa compañía circense Pistacatro como productor da parte artística e a dirección de Marcos PTT. Os membros do grupo Xarume son os que lle dan vida e movemento ós propios Bolechas, mentres que os actores Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira actuarán como mestres de cerimonias.

A banda sonora, como non podía ser doutro xeito, porana os coñecidos temas dos bonecos galegos, que moitos nenos xa coñecen. Pero haberá tamén lugar para sorpresas que farán as delicias de nenos e maiores con novas músicas preparadas para a ocasión e que pronto se converterán en éxito da canción infantil.

Posto que a planta de tratamento de lixo de Sogama é un dos patrocinadores de Brincabolechas -xunto a Novacaixagalicia, a Xunta e a CRTVG-, a reciclaxe estará tamén moi presente no espectáculo. Deste xeito e co obxectivo de concienciar ós máis cativos, os animados Bolechas explicaranlles que os desperdicios non desaparecen de xeito máxico, senón que hai que tratalos e evitar así o impacto ambiental, sobre todo nestas datas de Nadal nas que o consumo se multiplica.

Ademais do que aconteza sobre o escenario, o Universo Bolechas despregarase polo Auditorio ofertando, entre outras moitas cousas, a posibilidade de facer unha fotografía cos bonecos.

Te puede interesar