Os fiscais de Ourense convirten esta medida nunha alternativa real á xudicialización dos mozos conflitivos

A mediación permite que case a metade dos menores que delinquen eviten un xuízo penal

Hai alternativa á xudicialización do menor conflitivo. Os fiscais acoden cada vez máis a fórmulas de conciliación e reparación extraxudicial entre rapaces que delinquen e vítimas, o que evita a familiarización dos mozos cos xulgados.
Nun modelo de convivencia cada vez máis xudicializado, a Fiscalía de Menores conseguiu que en Ourense sexan cada vez máis os conflitos resoltos á marxe da penitencia xudicial. De feito, despois de tres anos apostando por unha fórmula que evite a familiarización dos menores cos xulgados, xa case representan o mesmo, estatisticamente, os mozos sancionados que os menores infractores que recoñecen a súa responsabilidade e concílianse coas vítimas sen chegar a xuízo.

No 2008 leváronse a cabo 35 medidas extraprocesuais que implicaron a outros tantos rapaces, mentres que se ditaron 45 sentenzas condenatorias, incluíndo reincidentes. No total de Galicia, acadáronse 292 solucións extarprocesuais, o que significa un 57% máis que en 2007. No que vai de ano 2009 advírtese unha tendencia que non fai senón confirmar a relevancia da mediación na resolución de disputas en menores de idade.

José Manuel Ucha, fiscal de Menores da Audiencia Provincial de Ourense, considera especialmente importante que a xustiza privilexie ‘as conciliacións e as reparacións como vía para solucionar a conflitividade entre os menores e escapar do proceso penal’. O obxectivo da mediación pasa por conciliar ao menor coa vítima, mentres o primeiro asume o compromiso de reparar o dano causado, e se somete á actividade educativa proposta polo equipo técnico ao que lle corresponde realizar as funcións de mediación.

As vantaxes de conciliar

As vantaxes derivadas deste procedemento fronte á xudicialización dos conflitos son, en primeiro termo, educativas: gratifica á vítima, permite a reparación do dano, posibilita unha intervención pedagóxica no mozo e axiliza trámites legais. Empuxa, asamade, ao infractor a unha reflexión, xa que as reincidencias apenas superan o 5%. Posteriormente existen vantaxes sociais, xa que ofrece unha resposta inmediata a asuntos que provocan alarma social: maltrato no ámbito familiar, acoso escolar, vandalismo urbano, consecuencias do botellón, etc.

Non todos os mozos que recaen en actuacións delictivas poden someterse aos procesos extraxudiciais. José Manuel Ucha puntualiza que a mediación está unicamente ‘enfocada a delincuentes non habituais, que no proceso delictivo, que en ningún caso terá a consideración de grave, non exerceron nin a violencia nin a intimidación’.

Defensor, nestes supostos, da mediación como factor para canalizar na boa dirección aos menores conflitivos, Ucha cre que ‘máis recursos humanos permitirían un maior número de conciliacións’. Unha observación que, de feito, xa calou na Fiscalía do TSXG, que vén demandando das administracións novos equipos técnicos.

Un equipo técnico que traballa ao límite

A Fiscalía de menores de Ourense está dotada dun equipo técnico formado por tres persoas: unha educadora, unha traballadora social e un psicólogo, que segundo sinala José Manuel Ucha realizan un traballo ‘pioneiro e dun extraordinario rigor, o que explica o éxito da mediación extraxudicial en Ourense’. Non obstante, traballan ao límite, dada ‘a exhaustividade que aplican en cada menor’. Cada caso esíxelle un informe psico-social, que implica análises familiares, escolares, sociais. ‘Feito no que se empregan moitas horas’. Só con eses informes completos, ‘están en condicións de procurar un achegamento entre o menor e a vítima que desemboque na conciliación’.

Te puede interesar