O mellor docente español é un profesor ourensán

Alexandre Sotelino.
photo_camera Alexandre Sotelino.

Alexandre Sotelino acaba de ser recoñecido cos "Goya" da Educación Universitaria que concede Abanca

Alexandre Sotelino (Ourense, 1986) xa é o mellor docente universitario de España. Os premios “Educa Abanca” recoñeceron onte a este pedagogo ourensán, profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), como o máis destacado da ensinanza superior. Esta era a terceira ocasión na que os alumnos o nominaban a mellor profesor, pero nunca se colocara no primeiro posto dos “Goya” da Educación. O recoñecemento sorprendeuno nun congreso en Madrid. “A  verdade é que non acabo de crelo. Nunca pensei que fose chegar a tanto, teño que ser sincero”, confesa o profesor.

Os premios “Educa Abanca” elixen diferentes categorías de mestres segundo a etapa educativa, aínda que realmente os “responsables” das nominacións son os alumnos. Sotelino aínda se pregunta o porqué da súa elección. “Non sei o porqué. Sempre digo que esa relación directa con elas e eles axuda a unha mellor comunicación”. 

RELACIÓN HORIZONTAL

Como é unha clase co que está considerado o mellor profesor de España? “Pois é unha clase cunha relación moi horizontal entre profesor e alumno, onde se fomenta o clima para crear curiosidade por aprender”, explica o docente ourensán.

A figura dun “mestre” é ben coñecida nas primeiras etapas educativas do neno. Pero, a do profesor universitario? “Na universidade temos algo abandonada a función docente en favor da investigación. Debemos recuperar a esencia do docente e centrarnos mais nesa función da Academia. Ás veces mesmo temos que mirar máis a como se fai noutros niveis educativos”, opina este profesor que, ademais, segue moi vinculado ás súas raíces. É a cara máis coñecida do festival cultural Rebulir, en Ramirás, unha das citas culturais da provincia. Precisamente hai uns días anunciou o cartel, que se celebra do 16 ao 19 de decembro.

Te puede interesar