O mestrado de Xestión Empresarial do Deporte de Ourense, segundo mellor de Europa

Alumnado do mestrado co seu coordinador, Patricio Sánchez.
photo_camera Alumnado do mestrado co seu coordinador, Patricio Sánchez.
Repite por cuarto ano seguido no prestixioso ránking de SportBusiness

Por cuarto ano consecutivo, o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da UVigo sitúase no ránking internacional dos mellores posgraos que fai “SportBusiness”, entidade de referencia para a industria do deporte. A titulación, que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, sitúase no posto 13 dos estudos de posgrao máis valorados nesta área de coñecemento no mundo e no segundo posto de Europa.

O “SportBusiness Postgraduate Rankings” preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade. A pesar de que a titulación da UVigo ascende do posto 21 do mundo acadado o ano pasado ao 13 deste ano, Patricio Sánchez, coordinador do título, subliña que “o máis importante nestes ránkings é conseguir entrar neles, que a Universidade de Vigo estea aí, e manterse ano tras ano”.

Como segundo título de Europa, o ránking inclúe unha reportaxe sobre o mestrado da UVigo na que destaca entre as súas características que é o único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia, o aceno internacional do seu alumnado e a súa colaboración con numerosas entidades do sector, desde federación ata clubs deportivos. O título, explica o seu responsable, volveu este curso a completar as 25 prazas dispoñibles, sendo o alumnado foráneo cada vez máis numeroso e procedente dunha diversidade máis ampla de países.

Te puede interesar