Miguel Anxo Fernández: "Esta edición vai traer a moita xente a Ourense, equipos de cine e turismo"

Miguel Anxo Fernández, onte no Valcárcel.
photo_camera Miguel Anxo Fernández, onte no Valcárcel.
Entrevista a Miguel Anxo Fernández, director do Ourense Film Festival

A vixésimo oitava edición do Ourense Film Festival (OUFF) xa é unha realidade. “El sueño de la sultana”, unha coprodución galega que compite na sección oficial de San Sebastián, é a película elixida para inaugurar a gala de hoxe, ás 20,00 horas no Auditorio municipal. Miguel Anxo Fernández, director do festival que patrocina a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo, ultima os preparativos para vestir de cine á cidade ata o próximo 8 de outubro. La Región é un dos patrocinadores oficiais do festival, que retransmitirá a gala de inauguración en directo na web e no canal de Telemiño. 

É a edición máis ambiciosa?

A máis ambiciosa e a máis variada. Reivindicámonos como o festival de Galicia.

E en España? Aínda falta consolidarse no mercado?

A nosa intención é colocar o festival no marco español. O feito de dar o Premio Calpurnia Internacional a Arturo Ripstein, a exposición de Prado… Son cousas que xa nos dan un toque, que nos fan subir a ese patín e colocarnos no mercado español.

 Que expectativas de cifras agardan para esta edición?

As expectativas son repetir o número de visitas do ano anterior, creo que o conseguiremos cunha oferta forte. Este festival vai traer moita xente a Ourense, vinculada aos equipos e ao turismo. O feito de ter dúas seccións competitivas vainos axudar, somos un dos poucos festivais de España con seis pantallas simultáneas, é algo insólito.

Cales son as novidades desta edición?

Crear unha sección competitiva galega, equiparámola á internacional. Dámoslle categoría ao cinema galego para que poida competir e ter proxección no exterior.

Que pouso deixou no festival a reivindicación da Deputación de impulsar a provincia como plató de cinema?

Moito. Unha das películas que compite, “Honeymoon”, gravouse aquí e competirá con cintas dunha ducias de países. Vanse proxectar varias gravadas en Ourense. Ademais, todo isto ten que ver coa creación  da Ourense Film Comission, que foi unha consecuencia do OUFF.

Seguirán na liña de potenciar rodaxes?

Si. A Deputación está detrás como primeira institución, sempre fixo vocación de seguir apoiando as rodaxes. Gustaríame chamar a atención sobre a potenciación do turismo a través do cine, somos o único festival que impulsa roteiros específicos polos lugares onde se rodaron as longametraxes.

O ano pasado enchéranse os buses para visitar localizacións de cine.

E este ano traballamos para que ocorra o mesmo.

Como é a Sección Oficial?

Na competición hai moitas estreas en España. “Nueva tierra”, da sección Panorama de Galicia, é outra das películas gravadas en Ourense. O OUFF sempre se caracterizou polo compromiso co cine do autor, pero tamén co cine que estimule ao espectador. Nesa liña seguiremos.

Recuperarán o espírito perdido na pandemia, coa presenza de actores e equipos de cine en Ourense?

Si, hai moito máis movemento. A facilidade de ter o AVE a Madrid a dúas horas trae aquí actores e equipos.

Tamén irán ao cárcere de Pereiro.

Si. O actor Javier Gutiérrez e o director de “Honeymoon”, Enrique Otero, van ir a presentar a película ao cárcere. Isto non o fai ningún festival, temos a vontade de integrar o festival na cidade. Cando hai cinco anos acollemos o festival, nós plantexamos como meta sumar á cidade, integralo en Ourense. Todo isto a base dunha programacion variada, para todos os públicos. A nosa idea é gañarnos a todo o público, eu son dos que digo que moi pronto Ourense, ademais das Burgas, da Ponte e do Cristo, coñecerase polo festival de cine como unha das señas identitarias de Ourense.

Cal é o reto de futuro?

En principio, en dous anos son os 30 do festival, que será bonito chegar ata alí. Se temos compromiso das institucións, pódese. E fago mención especial a patrocinadores privados, xa que cada vez estamos a gañar máis. Gañamos confianza cos patricionadores que cren neste modelo de festival. O reto nun futuro depende de moitas circunstancias. Neste momento, ao gañar a 20.000 espectadores de media, xa temos o futuro do festival garantido. Seguiremos mellorando.

Te puede interesar