ENTREVISTA

Miguel R. Tato: “Impartir clases polo mundo é un privilexio"

Dibujo
photo_camera Miguel Rodríguez Tato diante do Instituto Español
El valdeorrés de Carballeda, é profesor de istoria no Instituto Español de Alhucemas

O cineasta de Cartelle Carlos Velo foi quen me levou ata a bahía de Alhucemas, tan presente aínda na nosa historiografía. A súa película “Romancero Marroquí” participou nunhas xornadas de irmandade entre a cultura rifeña e a cultura galega. Sabía que ía atopar galegos alí, pois galegos eran os promotores de tal irmandade (coa directora do Instituto Español, Lola Varela e o seu compañeiro, Dionisio Pereira, á fronte). E sospeitaba que tamén habería algún ourensán "á miña espera". E non me equivoquei. Entre a colonia docente do devandito instituto (sen facer ruído como adoitamos estarmos os ourensáns), encontrei ó valdeorrés de Carballeda, Miguel Rodríguez Tato, profesor de Historia, non só en Alhucemas, senón no mundo. Pronto saberán por que...

Comecemos polo principio. Tato é un apelido moi valdeorres. Non si?

Está bastante localizado no Concello de Carballeda, en Vila de Quinta, de onde é a miña nai. Eu son Tato de segundo. De primeiro son Rodríguez, da comarca da Cabrera Baja, de León, de onde procedía meu pai. El era mestre. Mestre dos que comezaron na República. Logo tivo praza en Rubiá, onde exerceu ata que, cando eu tiña 10 anos, decidiu levarnos para Madrid. Eramos catro irmáns e el quería que estudiásemos, así que a única maneira era irmos para onde había universidade. Ese foi o regalo de vida que nos deu, que non foi pouco.

E vostede estudou...?

Eu, logo de facer os estudos secundarios, decidín poñerme a traballar. Comecei na banca , pero finalmente decidín ir á universidade. Pola mañá traballaba no banco e pola tarde ía á facultade e cando rematei a carreira xa tiña decidido que a miña profesión estaría relacionada coa ensinanza porque a docencia é a mellor profesión que, ó meu ver, se pode ter e a de profesor de instituto é un luxo.

E cara onde o levou o destino?

O primeiro destino tíveno en Madrid. Sen embargo, como non volvera vivir en Galicia, acabei solicitando unha praza alá.

Ías pouco a Galicia, pero conservas o acento dun xeito envexable.

Coa nai sempre mantivemos a comunicación en galego. E aínda que o meu pai era castelán, era dun lugar onde o galego non é estraño. Iso fixo que me fora moi doado conservar a lingua como lingua materna. 

Cando pensou en ir dar clases fóra de España?

O destino de Galilcia levoume a Pontevedra, pero fun xa levaba comigo a teima de poder ir dar clases no estranxeiro. Era coñecedor desta oferta e a verdade é que me atraía poder coñecer outras culturas e outras xeografías contando ademais co privilexio de formar á mocidade deses países e desas culturas na nosa propia cultura. E agora, ollando para atrás, non podo menos ca sentirme agradecido.

De Pontevedra, a ...?

A Brasil. Ó Instituto Español de São Paulo. Alí estiven un ano. Despois viñen a Marrocos. Estiven outro ano en Nador. E o seguinte paso foi a Lisboa, onde estiven seis anos. E finalmente aquí, no Jovellanos de Alhucemas, onde rematarei o meu periplo internacional.

Ou sexa, que os destinos non son definitivos coma en España?

O máximo tempo que podes estar nun destino son seis anos. Cada dous anos temos unhas probas de valoración e se as superamos podemos continuar o ciclo enteiro. 

Onde están eses destinos?

En Europa hai bastantes centros españois. En Alemania, en Italia, en Francia, no Reino Unido… En Hispanoamérica quedan poucos. Un en São Paulo, outro en Rosario e tamén en Colombia. E logo estes marroquís, como recordo da presenza que tivo España neste país.

Cal é o voso status nestes lugares?

Dependemos do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Educación. A nosa autoridade máxima é o embaixador. No caso de Marrocos dependemos directamente da Embaixada de Rabat e do Consulado de Nador. E a nivel económico cobramos un suplemento coma calquera funcionario desprazado.

Cal é o perfil do alumnado potencial dun Instituto Español?

Cada lugar e cada centro ten as súas peculiaridades. No caso dos países europeos recollen fundamentalmente a descendentes de españois. No caso concreto de Marrocos, aquí practicamente xa non hai españois. O que hai, polo tanto, son os fillos da elite, é dicir, altos funcionarios, comerciantes, empresarios, etc. Alumnado que desexa recibir formación en español porque queren ir á Universidade en España.

Ou sexa, que non todo o mundo que quere estudar nun Instituto Español, pode?

Non. A efectos prácticos funcionamos como un centro privado. E aínda que non é un centro caro, non todo o mundo ten posibilidades de acceder a estes estudos.

E o curriculo formativo é o mesmo que o que se imparte nos centros de ensino medio en España?

Si. As materias son as mesmas do ensino regrado en España. No noso caso impártense a maiores unhas horas semanais de lingua árabe e o resto é igual. Cando rematan o cuarto curso da ESO preséntase á selectividade. Este centro depende da Universidade de Granada.

Intúo, entón, que acabou facendo unha inmersión no país?

Mala formación lle estariamos impartindo se non comprendésemos ou non coñecésemos a súa cultura. Pero unha cousa é consecuencia da outra. É dicir, se decidimos saír a dar clases ó estranxeiro é porque temos unhas certas inquedanzas por coñecer ese país e esa cultura. De non ser así, mellor é que nos quedemos nas nosas casas.

Falemos para rematar un pouco de Ourense. Volve a Rubiá con frecuencia?

Vou continuamente. Teño a casa de meus pais. Catro compañeiros meus de toda a vida e máis eu temos en pleno funcionamento unha pequena adega que para nós dá o mellor viño do mundo.

Como se denomina?

Casal Novo. Esto faime manter firmes os vínculos coa terra. É un xeito de saber que sempre teño un motivo para volver. Cando marchamos para Madrid estabamos un grupo de nenos xogando ó fútbol. Un do grupo achegouse onda min e deume un empurrón dicíndome algo así como “quita de ahí, gallego!” coma querendo ferirme con iso. Eu creo que aquel empurrón fíxome ser máis galego aínda.Un bo colofón, sen dúbida. 

Te puede interesar