Comezan 15 días de teatro nos teatros, de teatro na rúa e de ilusión nos universitarios que, un ano máis, chegan a Ourense dende diferentes puntos do mundo para participar no festival de teatro máis veterano da cidade.

A Miteu abre o almanaque

Público asistente a unha das funcións da Miteu do pasado ano. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Con esta edición irán xa 16 anos, unha vida que converte á Miteu no irmán maior dunha familia numerosa que enche o calendario ourensán de festivais teatrais, cada un co seu público e a súa programación. A Mostra Internacional de Teatro Universitario comeza hoxe e non hai mellor xeito de anunciarse que facelo na rúa co grupo Rosaura, o primeiro nivel polo que pasan os alumnos de teatro no Campus de Ourense. O espectáculo 'O teatro... Onde?' encherá de personaxes variados o Parque de San Lázaro, a Rúa do Paseo e os Xardíns do Padre Feijóo a partir das 19 horas.
A que hoxe comeza perfílase como a edición máis 'internacional, variada e multidisciplinar', termos que o director da Miteu, Fernando Dacosta, escolleu para definila cando días atrás a presentaba xunto con varias autoridades. O de internacional xa vai quedar patente dende a primeira xornada pois o conxunto teatral 'Les triples croches', procedentes de Lyon, estarán no Teatro Principal ás 20.30 horas.

O de variada non é unha novidade na Miteu. Danza, risa, drama ou circo son algúns dos terreos que explorarán os conxuntos participantes durante esta primeira quincena do mes de abril. O de multidisciplinar súmase ó variado e complétase coa colaboración co festival de cine. Serán máis dunha vintena os grupos que visiten, actúen, paseen, coman e durman en Ourense. Arredor dun tercio deles chegan con base profesional. Estados Unidos, Italia ou Portugal son tres países dos oito puntos de procedencia dos que dende hoxe enchen os espazos culturais da cidade.

Que os tempos que corren son un camiño cheo de atrancos económicos sábeo ben Fernando Dacosta. O orzamento da actual edición da Miteu é de 95.000 euros. Réstase a cantidade con respecto ó ano 2010, pero o recorte non é moito. Non é moito pero suficiente para ter que recortar e, neste punto, a calidade prima por riba de todo alzándose como un intocable. É por iso que os organizadores da Miteu tratan de recortar noutros aspectos. Pero os fieis á mostra tampouco o van notar, porque os prezos continúan en números que case se poderían chamar 'simbólicos'.

Te puede interesar