Tanxugueiras: “É unha moi boa nova que por fin teñan presenza mediática outros folclores da península”

Revelación da música tradicional galega, o trío Tanxugueiras actuará no Ouren Sound Fest o vindeiro 28 de maio.
photo_camera Revelación da música tradicional galega, o trío Tanxugueiras actuará no Ouren Sound Fest o vindeiro 28 de maio.

Cun curioso á vez que moi merecido salto á fama a partir de non ser elixidas en Benidorm para representar a España en Eurovisión, as Tanxugueiras gañáronse o favor dun público que as preferiu antes que a Chanel, a candidata do xurado, e outorgoulles unha fama mediática que se tiñan ganada despois de máis dun lustro de carreira poñendo en valor a música tradicional galega. “Xira Midas” chámase o espectáculo co que o popular trío de cantareiras e pandeireteiras recalará en Ourense o 28 de maio para presentarse no Ouren Sound Fest. Cando a xente está ávida de música en vivo tras unha pandemia que se fixo interminable, estas artistas prometen que, do mesmo xeito que as súas voces e as súas pandeiretas, “o goce do público” será central no seu show de Benposta.

“Figa”, “Coda”, “Teo” e “Midas” son o singles adianto do disco que publicarán Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro no actual ano 2022, como sucesor de “Contrapunto” (2019) e “Tanxugueiras” (2018). O prognóstico é máis que bo, dado que coa súa reformulación da música tradicional galega, á que outorgan unha óptica contemporánea, alcanzaron cifras históricas para a música en galego, como superar as 500.000 reproducións de “Terra” o mesmo día da súa publicación e o millón de visualizacións en Youtube na primeira semana para o mesmo tema e despois para “Figa”.

De artistas revelación a unha realidade tanxible, nada máis fai falta velas no festival do que tamén participarán artistas como Xoel López, Rayden, Sés, Hard GZ, Dakidarría, TanDub, El Canijo de Jerez, Sexy Zebras ou Grande Amore.

Que expectativas teñen respecto da súa presentación no festival Ouren Sound? Como será o show?

O espectáculo forma parte da nova “Xira Midas”. Escoitaranse temas como “Midas”, “Figa” ou “Terra”. A voz será central, igual que o goce do público. Outra das cuestións será a confluencia no directo entre as percusións e a electrónica, nas que contaremos con Isaac Palacín e Iaco Pico.

España é un país multicultural. Desde a vosa música e o voso lema de “non hai fronteiras”, avogan pola unión. É posible esa unión a través da música?

É unha moi boa nova que por fin teñan presenza mediática outros folclores da península. Hai moitas músicas de raíz que non tiveron tanta visibilidade coma outras. Nesa diversidade está ese fío condutor que une todas as culturas e da que nos sentimos parte.

Desde a vosa música, por exemplo na canción “Terra”, enaltecen a figura dunha muller como é a pandeireteira, á que dan nova e enérxica voz. Por que cren que aínda existe en Galicia o mito do matriarcado, cando a muller non é que por ocuparse de todo teña o control de algo?

Nós somos cantareiras e pandeireteiras. Recollemos a tradición de centos, miles de mulleres de Galicia que viñeron antes ca nós. As pandeireteiras foron fundamentais para a transmisión e o mantemento da cultura galega. E si: xa tiñan voz e enerxía. Iso non é mito ningún, é unha evidencia. Outra cousa é que non ocupasen un espazo central para o sistema.

Comezaron esta carreira hai uns seis anos, pouco antes do xurdimento do Movemento Me Too. Cren que o devandito movemento cambia algo para as mulleres que fan arte e en particular música?

Hai moitos comportamentos, formas de actuar ou de estar no mundo que son profundamente machistas. Aínda queda moito camiño por andar e xuntas temos que avanzar neste sentido. Artistas, medios de comunicación, institucións públicas e sociedade en xeral.

Na súa vida persoal e privada, exercen o feminismo?

Mantemos coherencia entre a nosa vida pública e privada. Non sería honesto pola nosa banda reproducir patróns cos que somos críticas. Nos escenarios e coas nosas creacións apelamos á sororidade e cantamos ao apoderamento feminino, igual que na nosa contorna máis próxima.

Cales son os seus referentes na música?

As nosas referentes son Mercedes Peón e Leilía. Actualmente escoitamos tamén moito a Rosalía, Nathy Peluso, Rozalén, Rigoberta Bandini, Rodrigo Cuevas…

Adoitan facer colaboracións con outros artistas, hai algún artista con quen lles gustaría compartir a súa música e aínda non puideron?

Este último ano tivemos a sorte de gravar ou actuar con artistas como Rayden, Muerdo, La Pegatina, Iván Ferreiro, Roba Estesa, Nius, Kiko Veneno... Nós sempre estamos abertas a colaborar con outras bandas e espallar os ritmos da terra.

A participación de Tanxugueiras pola pre-selección de Benidorm para representar a España en Eurovisión non pasou desaperci-bida e provocou un verdadeiro cataclismo mediático, dado que as pandeireteiras foron as favoritas do público pero a elixida polo xurado foi Chanel. Intríngulis á marxe, sen dúbida este feito fixo que cobrasen unha notoriedade inusitada. Cales son as razóns polas que non representarán a España en Eurovisión?

Participamos nun certame que gañou unha compañeira que fixo unha moi boa interpretación. Chanel, tes todo o noso apoio!

Que opinan respecto de que a non elección de Tanxugueiras para representar a España en Eurovisión converteuse prácticamente nunha cuestión de estado, a tal punto de querer levar o tema ao Congreso dos Deputados?

Quedámonos con todo o interese que está a xerar a música tradicional galega entre as novas xeracións, algo que podiamos percibir nos concertos, e entre o público de fóra de Galicia que está a descubrir a nosa cultura. É unha marabilla ver tantas pequenas e pequenos cantando, bailando, tocando a pandeireta. Para moita xente de Galicia foi un momento de unión, de forza e orgullo.

Te puede interesar