OCIO - EDUCACIÓN

Música e xogos para a lingua

Baixo o lema "En galego sen cancela", a 18ª edición do Correlingua visitou a cidade das Burgas enchendo o Auditorio e a Praza Maior de actuacións e xogos populares como o treis en raia ou o pano para 1.500 rapaces

Despois do seu paso por Monforte, o Correlingua visitou onte a cidade das Burgas enchendo o Auditorio e a Praza Maior de música e xogos populares para preto de 1.500 mozos da provincia. O obxectivo desta actividade, que vai pola súa 18ª edición, é fomentar dun xeito lúdico o uso do galego entre os máis novos. "Cada vez hai máis estudos sociolingüísticos que din que o galego nas novas xeracións estase a perder", apunta Sara Martiñá, secretaria comarcal do sindicato CIG-Ensino. Oriúndas de Xinzo, Beatriz Ferreiro e María Penín, alumnas do Carlos Casares, recoñecen que sempre falan en galego. "Gústame falalo. Paréceme bonito", di María. "É a nosa lingua. Temos que defendela para que non desapareza", replícalle a súa compañeira de clase, Beatriz. Con raíces francesas por parte de pai, Melisa Guillet, do colexio Virxe da Saleta de Cea, afirma que usa indistintamente o galego e o castelán na escola e na casa: "Misturo as dúas linguas, aínda que case sempre falo en galego". Xa na cidade, boa parte dos rapaces admiten que en contadas ocasións empregan a lingua galega. "Eu só o falo cando estou ca miña avoa", indica Daniel Ramón, alumno de 13 anos do colexio Concepción Arenal.

Para a celebración da xornada, organizada en dúas quendas, contouse coa participación de 26 alumnos do ciclo superior en animación de actividades físicas e deportivas do CIFP A Farixa, que xogaron cos rapaces na Praza Maior á comba, ao tres en raia, ás carreiras de sacos e ao turrasoga, entre outros. "É unha forma de dinamizar a actividade. Ademais, ao noso alumnado sérvelle de práctica, acostumándose a traballar en situacións reais", destaca Manuel Quintela, mestre da Farixa.

O folión do alumnado do IES Xermán Ancochea, de Trives, foi o encargado de anunciar a chegada á Praza Maior doutro grupo de rapaces procedentes do Auditorio, onde á lectura do manifesto.

Nos meses previos, os participantes traballaron arreo para ter listas as súas pancartas. Nesta edición, en Primaria, premiouse a imaxinación dos rapaces dos colexios Manuel Luís Acuña, de Prácticas y Carlos Casares. Xa en Secundaria, os galardóns foron para O Ribeiro, Malvedo e José García García de Mende. 

Te puede interesar