TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Na Aemet non queren falar só do tempo

chito_ep_nistolas_foto-1-_result
photo_camera Rafa Sánchez, Pablo Gómez, Marisa Orro e Carmen Estévez, de Aemet.

Axiña me contestaron da Aemet: "Por fin! Alguén que nos entretén con algo máis que números"

Contemplade a foto. Non coñezo a ninguén. E, non obstante, teño unha relación con eles desde hai máis de 20 anos. Rectifico un chisco: coñézoos desde hai pouco máis dun mes, de cando me mandaron a fotografía. E mandáronma porque lla pedín para esta reportaxe. Axiña vin que esa relación podía dar unha bonita historia para contar. Unha relación de dous décadas non é moco de pavo. E para máis aquel, epistolar tan só.
Quen son? Xente que traballa na Delegación de Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía) da Coruña, ex Centro Meteorolóxico. Que teñen que ver comigo? Pois desde que o mundo é mundo, é dicir, desde que eu saiba, ese Centro Meteorolóxico tiña e ten unha colaboración con Agricultura, onde se atopaban as Sindicais ou Cámaras Agrarias ou Extensións Agrarias ou Oficinas Agrarias Comarcais, tanto cando unhas pertencían ó estado como outras á Xunta, logo das transferencias. Esta cooperación consistía e consiste en atender unha pequena estación meteorolóxica que hai en Maceda, no Toural.

A estación está composta dun pluviógrafo (aparato que rexistra as precipitacións nun papel) e dun termógrafo (rexistra as flutuacións da temperatura). A maiores ten un pluviómetro no que se recolle a auga caída. O meu cometido consiste en achegarme ata alí todas as mañás dos luns e cambiarlle “as gráficas”, os papeis que van enroscados ós cilindros dos dous aparatos, sobre os que unhas agullas soben e baixan marcando os cambios ou a marcha das temperaturas. Logo, os datos desas gráficas, antigamente, pasábaas a unhas cartolinas e, hoxe en día, métoos xa nunha aplicación informática. Todos os luns.

A principios de cada mes é entón cando remito todos eses datos (das catro semanas), por medio dun correo electrónico (antes, por correo normal) á Delegación da Aemet en Galicia, á Coruña. Por correo normal mandaba as cartolinas, e punto. Pero por correo electrónico non sei que me daba achegar tan só os dous arquivos (pluvio e termo)... e co laretas que son eu. Así é que, agora, cada primeiros de mes inicio a parola: “baixo unhas nubes negras que andan sobre o ceo macedán, achego os datos climatolóxicos de tal mes”, ou “baixo a influencia dun sol de carallo neste día de feira, aí van os datos...”, etc. E logo dese encabezamento, pois, ás veces, como unha persiana. Que si, que sempre me gustou “enrollarme” na escritura. Axiña me contestaron que: “por fin!; hai alguén que nos entretén con algo máis que números”. “Sempre é agradable ler outras cousas que non sexan graos ou milímetros”. Vaia, home!; foi dicirme iso para, xa, ós seguintes envíos, mandar ruxerruxes ou trapalladas con tal de entretelos un chisco, de entreter a Marisa Orro, que seica é a que máis atende ós correos electrónicos.
Máis de 20 anos sen coñecernos pero coñecéndonos. Agora xa podedes coñecelos tamén, como os coñecín eu, por medio da foto que me mandaron e que son, de esquerda á dereita: Rafa Sánchez, de Villares de Yeltes (Salamanca), nado en 1967.

Aínda que é o máis novo, seica é o máis veterano na sección de Climatoloxía. Pablo Gómez naceu en Pontevedra en 1962 e leva na Delegación da Aemet desde 1993. Marisa Orro, a que máis se comunica comigo, hai 51 anos que naceu na Coruña e antes de pasar a Climatoloxía pasou por tres aeroportos: Villanubla (Valladolid), Lavacolla e Alvedro. E Carmen Estévez, que sae seria na foto (“pola solemnidade da ocasión”, segundo Marisa), pero que seica lle gusta amosar os seus brancos dentes en grandes sorrisos, ou sexa, que é chistosa. É nosa paisana, de Ourense, de Quintela de Canedo, desde hai 57 anos, aínda que desde cativiña vive na Coruña. Traballou en Correos durante 24 anos e xa leva 14 na Aemet.

Todos eles ocúpanse de todas as estacións meteorolóxicas de Galicia para ver, manipular, depurar, arquivar todos os datos que lles mandamos os colaboradores, así como controlar as estacións automáticas, observatorios, etc, coas súas avarías, lagoas, emisións e erros. Están a recuperar datos antigos das estacións principais e daquelas que deixaron de funcionar. Elaboran avances e boletíns climatolóxicos mensuais, estacionais e anuais. Neles analizan o comportamento do clima en Galicia. Pero, ollo!, non teñen a culpa de que aquí sempre chova ou de que aquí faga un sol do carallo. E, por último, sobre todas as cousas, aténdenme a min, aguántanme a min coa verborrea que lles solto.  Que xa é ter mérito. Grazas, amigos xa coñecidos.

[email protected]

Te puede interesar