Ningunha familia queda sen regalo este Nadal en San Cibrao

Pedro Fernández entrega o paraugas a Alfredo Vilamarín.
photo_camera Pedro Fernández entrega o paraugas a Alfredo Vilamarín.

Os veciños de San Cibrao recibiron este ano, como cada Nadal, un agasallo por parte do Concello. Unha iniciativa que naceu hai máis de 15 anos coa anterior rexedora, que o actual alcalde continúa, levando o espírito navideño a todos os fogares

En San Cibrao, cada Nadal hai, polo menos, un regalo para cada familia. Aproveitando estas datas, dende o Concello obsequian a cada unha cun agasallo. Nesta ocasión, foi un paraugas o obxecto escollido para regalar polo Nadal. Esta iniciativa naceu xa coa anterior alcaldesa, Elisa Nogueira, e que o actual primeiro edil, Manuel Pedro Fernández, decidiu manter. “Arrancamos alá polo 2005 ou por aí, non recordo ben”, indica Fernández. Daquela, o agasallo foi “un pequeno cinceiro de cristal que eu aínda gardo” e que “tivo moi boa acollida, aínda se ve na casa dalgún veciño”. Así pois, instaurouse unha tradición que está a piques de cumprir 20 anos.

“Preocupámonos de que realmente chegue a tódalas familias. Por exemplo, se nunha casa viven dúas familias, procuramos que ambas reciban o regalo”, subliña Fernández. Ademais, outro dos motivos de felicidade é que cada vez teñen que mercar máis agasallos ao aumentar o censo de forma continuada nestes últimos anos. “É mellor ter que pedir cada vez máis porque hai máis xente, porque ao contrario sería moito máis triste”, conta.

Nestes máis de tres lustros de agasallos navideños, “xa demos de todo”. Recoñece que esta é a “segunda ou terceira vez que regalamos paraugas, pero porque é algo moi útil”. Ademais, tamén se obsequiou aos veciños con lanternas, cinceiros, sacacorchos, mantas ou varias figuras feitas de cerámica fabricadas por unha empresa do concello. O obxectivo, ademais do detalle, é “que os veciños poidan darlle un uso”.

A entrega tamén é moi persoal, xa que é o concelleiro de cada zona o encargado de repartir os obsequios ou o mesmo alcalde, acompañados dunha tarxeta felicitando as festas -aínda que este ano non se entregou porque se serigrafiou na funda dos paraugas-.

Te puede interesar