“No Ourense de risco o tempo vai paseniño'

O profesor Luis Martínez-Risco.
Cando se cumpre medio século do pasamento de Vicente Risco, un volume recupera os artigos que o ourensán escribiu no xornal La Región de 1951 a 1961. O 'Libro de las horas', en honor ó nome da súa sección, reedítase agora recollendo o retrato que Risco fixo dunha época.
Que é o “Libro de las horas”?
É unha recompilación dos moitos artigos que Vicente Risco publicou dende a década dos 50 diariamente en La Región. No ano 1961, os seus amigos decidiron facer unha escolma e publicalo en forma de libro co apoio de Tanco, dos irmáns Del Valle. Aínda debe de quedar algún exemplar daquela edición, que era moi bonita.

En que medida esta nova edición é fiel á orixinal?
O único que fixemos foi incluír as sinaturas das persoas asistentes á homenaxe que lle renderon en 1963. A portada orixinal era un reloxo pintado por Risco e nesta engadimos outro en branco e negro. Ademais, esta nova edición conta co seu discurso de agradecemento manuscrito.

Que Risco atopamos neste “Libro de las horas”?
Un Risco xa maduro ó que lle gusta gozar da vida, que de forma moi sinxela e amable conta as cousas que lle interesan. Hai referencias a artigos, escritores, cousas cotiás, mundos lonxanos como a India, animais, épocas do ano... Todo está redactado cunha sinxeleza que fai deles artigos que poderían publicarse hoxe tranquilamente.

Aínda que pasou máis de medio século dende a publicación destes artigos, teñen actualidade?
Son temas tan universais e habituais que se alguén os le hoxe sen saber que son del perfectamente podería pensar que foron escritos agora.

E que Ourense nos amosa Risco?
Eu creo que esa imaxe típica que temos do Ourense dos cafés e do paseo. Nos artigos vemos un Ourense que non era gran cidade e no que aínda se coñecía todo o mundo; un lugar tranquilo onde o tempo vai paseniño.

Poderiamos dicir que é un libro de xornalismo literario?
Eu creo que é o xornalismo que quixo facer tamén Carlos Casares porque ten a calidade dunha persoa que sabe escribir, que en moi poucas palabras expresa moito. Ademais, ten un sentido do humor intelixente. En definitiva, é un libro amable, escrito por un home que o viviu todo e que agora se retira.

Aínda que moi importante na súa vida, semella que a faceta do Risco xornalista non foi das que máis trascendeu.
Non, pero curiosamente todo o mundo fai referencia ás súas colaboracións na prensa. Deulle moita importancia ós medios de comunicación e ás súas colaboracións neles ou na propia creación da revista Nós. O xornalismo a Risco permítelle chegar a onde non pode doutro xeito.

Te puede interesar