NÓS

Noa Presas: "Queremos romper co pasado para construír unha Galiza que decida"

IMG_5391_result
photo_camera Noa Presas, durante o mitin de Verín.

A número un da lista ao Congreso advirte que con Nós "tede a certeza de que ía haber unha voz galega, sen obediencias estatais, nacionalista e de esquerdas defendéndovos, con voz propia, en Madrid"

“Tede a certeza de que ía haber unha voz galega, sen obediencias estatais, nacionalista e de esquerdas defendéndovos, con voz propia, en Madrid”, dixo Noa Presas, a número un da lista ao Congreso de NÓS-Candidatura Galega no discurso de peche do mitin na Casa da Cultura de Verín, no que estivo acompañada por Diego Lourenzo, tenente de alcalde da vila e candidato ao Senado, e por Perfecta Losada, concelleira en Oímbra e candidata ao Congreso.

“A diferenza doutros, NÓS podemos afirmar con orgullo que só obedecemos ao pobo. Á forza do noso pobo. E que sabemos, sen tutelas por onde pasan as solucións aos nosos problemas”, remarcou Presas, que volveu reclamar o voto a NÓS como o único voto útil para Galiza. Para Ourense, para Pontevedra, para Lugo, para Coruña”. E advertiu contra as apelacións ao cambio que chegan desde Madrid: “Á miña nai, xa lle dixeron que o voto útil era o voto PSOE e para que lle serviu? Para que nos serviu? Agora dinnos que o voto útil para rachar co PP é Podemos. Aprendamos do pasado: temos que defendernos nós mesmos”.

Presas rematou pedindo o voto para NÓS “como a única garantía de compromiso na defensa de Galiza e dos colectivos máis agredidos polas políticas antisociais”. E afirmou: “Queremos romper co pasado para construír unha Galiza que decida”.

Pola súa parte, Diego Lourenzo empezou subliñando as diferencias entre NÓS e outras forzas do espazo nacionalista. “NÓS representamos os carballos. Somos fortes, con raíces profundas, crecemos e deixamos crecer, respectando o entorno, respectando a terra. En cambio eles, os outros, son como os eucaliptos, chegan, comen todo e deixan a terra sen nada”, dixo.

E reclamou a herdanza do BNG e das loitas sociais: “NÓS non ven do ermo, nin da nada, somos depositarios dunha rica historia e somos herdeiros do traballo feito polo BNG durante estes últimos vinte anos no Congreso”.

“Non queremos políticas que exclúan, que viren as costas ós de sempre a favor dos grandes. Non queremos políticas que eliminen e privaticen os servizos públicos”, concluíu.

Te puede interesar