ENTREVISTA

Noela Blanco: "O resto de candidatos están anclados ó pasado, eu busco mirar o futuro"

Ourense 28/11/17
Entrevista a la candidata primarias PSOE provincia Noela Blanco
Fotos Martiño Pinal
photo_camera Blanco, co busto de Pablo Iglesias.

A socialista busca ser a primeira muller en coller o timón do PSOE-PSdeG na provincia

Ilusionada e responsabilizada pola súa candidatura ó liderazgo do PSOE de Ourense, Noela Blanco (Ourense, 1981) busca a inspiración no fundador do partido, Pablo Iglesias, para "pasar páxina" e convertirse na primeira muller en coller o timón do socialismo da provincia.

Por que o busto de Pablo Iglesias cando fala de pasar páxina?

Porque hai que acudir ó noso pai fundador para atopar o rumbo, hai páxinas da nosa historia que hai que reler de maneira constante e a súa contribución ó socialismo debemos honrala e dignificala.

Non se fixo nada ben nestes anos?

Hai que pasar páxina da derradeira etapa, dos últimos dez anos nesta provincia, non é un capricho. Tanto a nivel interno, con divisións e subdivisións, como cara a cidadanía, ó ser a única provincia na que o PP está presente en todas as institucións. Facendo sempre o mesmo non obteremos resultados distintos.

Cando decide dar o paso?

Nos días anteriores  ó remate do prazo. Empezas a pensalo cando se convoca o proceso, eu non son unha persoa de quedarme quieta, impasible, e por iso decido dar o paso, para pasar páxina de maneira activa. É necesaria certa rebeldía.

Pensou nestes días en que isto pode ser un marrón?

Para nada, estou moi ilusionada e, ademais, sinto unha gran responsabilidade. Imaxínate un partido con esta historia. Para nada é un marrón, é un orgullo.

Pode pasarlle factura ter apoiado a Juan Díaz Villoslada?

Rematado un proceso hai que pasar ó seguinte. Non renego de nada nin de ninguén, pero unha vez que se escolle ó secretario xeral, hai que respectar os resultados. Gonzalo sabe que me ten ó seu lado.

Ten relación con el?

Si, por suposto, fluída e boa.

Vese pactando con alguén?

Cando unha se presenta, é porque ten un proxecto propio para levalo a cabo. Hai catro candidatos, pero dous proxectos. O resto teñen unha visión anclada ó pasado, eu quero mirar ó futuro e modernizar a organización.

Por que o resto miran ó pasado?

Están anclados en cuestións como a maneira de falar de pactos. Hai que pasar páxina nas formas de facer política orgánica, non se trata de grupos, senón de falar coa militancia.

Será unha carreira a catro ata o final ou caerá algún?

Non son moito de facer prediccións. O que si que sei é que haberá unha papeleta co meu nome e chegarei ata onde a militancia me queira levar.

Benefícialle a irrupción de Pachi Vázquez para dividir o voto?

Non me gusta entrar en cábalas.

Pero pasóuselle pola cabeza nalgún momento que Pachi Vázquez dese o paso?

Teño que recoñecer que non, porque cando hai alguén que foi todo nesta organización, non se espera.

Fala de mirar ó futuro. Por onde pasa iso?

Primeiro, a unión e integración dos militantes nun proxecto para fortalecernos a nivel interno e axudar ás pequenas agrupacións, apenas queda ano e medio para as municipais e necesitan ese respaldo que non tiveron.

Pode ser un trampolín a secretaría provincial cara algún cargo?

Non me presento nin para sacar a cabeza nin por tacticismo. Só quero ser secretaria provincial e compaxinar iso co Parlamento. É necesario ubicar Ourense a nivel autonómico.

Ser a única muller pode xogar ó seu favor?

Non son mellor que nadie por ser muller ou ser nova. Pero si podo aportar outra perspectiva, fai falta un soplo de aire fresco.

Non está posicionada a provincia?

Somos a provincia máis desfavorecida e non creo que sexa casualidade, é froito tamén do desleixo que sufrimos de Madrid e Santiago, co plus negativo engadido dun presidente da Deputación que contribúe a iso.

A estratexia do PSOE debe ser frentista co PP?

É o noso rival, debemos combatilo, non é cuestión de ser frentista, as súas políticas son totalmente opostas ás do PSOE. E o contraposto hai que enfrontalo cunha oposición contundente e dura, pero tamén construtiva.

Sen unha agrupación forte na cidade será difícil. Hai remedio para esta?

Non me gusta darlle unha especial importancia respecto do resto, pero si é certo que Jesús Vázquez está no inmovilismo e só se move para destrozar o que os socialistas fixemos. É moi necesario un cambio.

Pero non se aprecia unha alternativa para iso?

Estamos niso, gústame ser positiva. Houbo un cambio con Pedro Sánchez a nivel federal e iso vai en cascada. Espero que a nivel local saiamos tamén fortalecidos. 

Te puede interesar