LITERATURA

'A noite enriba', de Oregón a Filadelfia

56731742f1-diego-ameixeiras
photo_camera Diego Ameixeiras.

O último libro de Diego Ameixeiras revélase coma unha imprescindible homenaxe ao xénero negro, así coma ao Ourense tamén novelado por Casares ou Bieito Iglesias

Unha vella máquina de escribir presidía a presentación de “A noite enriba” de Diego Ameixeiras onte na librería Internacional-Espacio Lector Nobel. Mentres Manuel Bragado lembra a fértil carreira literaria de Diego eu non podo evitar preguntarme se Ricardo Barros prefire o teclado do ordenador ou o da máquina de escribir. Fetichismos literarios.

Quizais me teña cruzado con el correndo pola Ribeira do Miño; no seu maxín por fin consegue traspasar ao papel a esencia de David Goodis. No seu piso da rúa Antonio Puga, o veterano Vincent Malone agarda a próxima visita de Ricardo, está a rematar de corrixir unha das súas novelas en compañía de Selma. Probablemente vexan algún vello filme do estilo de O Crepúsculo dos Deuses. Os vínculos destes tres suxestivos personaxes que aman a novela negra serven de punto partida para a décima novela de Ameixeiras. Sen abandonar o seu estilo depurado, a fotografía da sociedade da nosa cidade, a non interferencia do narrador no devir das personaxes, Ameixeiras sae da súa zona de confort para mergullarnos nas vísceras da escrita.

Durante a presentación comentamos os aspectos máis interesantes da biografía de David Goodis, guionista do Hollywood dourado, famoso e rico, que o deixa todo para regresar á casa dos pais en Filadelfia e axudalos co coidado do irmán esquizofrénico. Mais Goodis continúa a escribir, vive a noite dos baixos fondos e non deixa de publicar. Admirado polos existencialistas franceses (Sartre, Camus), Truffaut tampouco se resistiu a levar ao celuloide Disparen sobre o pianista. Diego cóntanos cómo descobre a figura de Goodis trala visualización de A senda tenebrosa, o seu filme máis coñecido. A introspección imponse para aproximarnos a este mestre da fraxilidade e da derrota. Asi mesmo, Ameixeiras revélanos a orixe da fascinación que sente pola novela negra: un adolescente que devoraba as novelas de peto da editorial Bruguera ou o impacto que lle provocou a lectura da Esmorga de Blanco Amor

A noite enriba é unha imprescindible homenaxe ao xénero e ao Ourense tamén novelado por Casares ou Bieito Iglesias. Nunca tan pouco lle tivo que envexar o noso Oregón á Filadelfia de Goodis. 

Te puede interesar