Ana Pérez Cardoso: “Non basta coa denuncia da intolerancia, hai que educar á poboación”

undefined

A educadora do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) impartiu o obradoiro “Pensar a diversidade”, dentro da programación do mes do Orgullo LGTBIQ+ que organiza a área de Igualdade do Concello. A sesión foi toda unha lección sobre fomentar o interese e a comprensión cos demais no camiño cara a convivencia e a diversidade de sexualidades, xéneros e estilos de vida.

Funcionou ben o obradoiro?

Moi ben, acudiron 16 persoas, un grupo diverso en sexualidades, en identidades de xénero e en culturas. Creamos un espazo onde reflexionar sobre a diversidade e as implicacións que ten na vida. Analizamos a diversidade dende a teoría feminista, a que distingue o sexo do xénero, e dende a sexoloxía.

Cal foi a meta?

Con estas teorías, en resumo, buscamos explicar a experiencia humana para comprender que somos e, consecuentemente, facilitar a convivencia en sociedade. Antes había uns roles moi definidos: limitados a homes e mulleres, heterosexuais e con fillos. Co tempo, as diferentes teorías corroboran que as chamadas “desviacións” do “normativo” son parte inevitable da experiencia humana.

Trata outras teorías?

Quero tratar diferentes puntos de vista, pero paréceme que neste momento a explicación sexolóxica é moi útil á hora de xerar convivencia: comprensión e recoñecemento desde unha vontade de coñecemento, non de estrañeza. Promovemos ideas aperturistas. Non queremos un colectivo homoxéneo, porque non existe. Se algo é a sociedade, é diversa.

Que ofrece a sexoloxía?

A sexoloxía ofrece unha mirada non xerárquica. A dicotomía, pola súa banda, clasifica ás persoas entre dous lugares moi estancos e pechados: ou home ou muller. Realmente, a diversidade é o conxunto dos suxeitos, diferentes e semellantes.

Sempre hai diferenzas.

A diversidade é o punto de partida, algo inevitable. Por tanto, non podemos falar de proxectos para “potenciar” a diversidade porque esta xa existe. Outra cousa é entendela, cultivala ou crear contextos onde sexa posible, funcións que deben asumir as institucións públicas para que a maior parte da xente teña cabida na sociedade en xeral.

Cales cre que son os problemas da convivencia hoxe?

A clave da convivencia é saber separar o urxente do importante. O urxente son as agresións homófobas ou lexislacións que xeran sufrimento. O importante é o labor de educar, porque aprender a parte teórica dá a posibilidade de comprender a realidade dos demais. Moitas veces priorizamos o  urxente, que non deixa de ser abrumador, pero non debemos deixar atrás o importante, aínda que soe utópico. Non debemos limitarnos só a denunciar a intolerancia, senón que hai que educar á poboación e ir á raíz do problema.

Como debemos actuar ante a intolerancia doutros?

Hai que tratar aos outros, esteamos de acordo con eles ou non, dende unha actitude comprensiva: hai que entender que cada cal, coas súas circunstancias particulares, actúa desde a posición que lle é máis cómoda. A xente pode ser testuda, pero a solución é a educación. Hai que traballar o fondo e aprender a presentar ideas novas que axuden a entender realidades diferentes, independentemente de que esteamos a loitar por un mundo sen discriminación.

Te puede interesar