Noventa fotos reflexan o pobo e xentes de Maside dende 1895

A Asociación Cultural A Torre, Foro de Estudos das Terras de Maside, inaugurou a Exposición Fotográfica 2013 'Xentes, Espazos e Lugares', tras recoller e reproducir un total de 90 fotografías cedidas polos veciños do municipio, e que figuran a disposición do público nas seis cafeterías da localidade ata que remate o próximo mes de setembro. O secretario da entidade, Óscar Gonfer, declaraba que se trata dunha recopilación xenérica que abarca distintos ámbitos, e que terá continuidade en sucesivas mostras monográficas, xa máis especializadas en sectores e aspectos concretos como o da música, oficios ou deporte.
Nesta exposición figuran persoeiros recoñecidos do municipio e espazos de interés nos que se mostra a evolución do pobo.

A fotografía máis antiga data do ano 1895 sobre a capela de San Antón, e seguen doutros anos como 1907, 1920 ou 1928, así ata a máis recente do 2010 que é unha vista panorámica de Maside. 'Hai imaxes que recollen costumes que se perderon como a dos silleiros, era a artesanía en estado puro', sinala o secretario.

Para a clausura da exposición, que tamén se recolle nun libro, está previsto un acto coa actuación da Coral A Torre de Maside, A Coral de Ruada e a Capela Madrigalista.

Ademáis de preparar outras mostras, a asociación tamén traballa na organización de dúas rutas, unha arqueolóxica e outra polo románico, e nunha homenaxe ó poeta Víctor Campio, de Garabás, dentro do recoñecemento que se prevé facer a diversos persoeiros destacados.

Te puede interesar