Universidad

O novo número da revista Redas potencia a divulgación

Roberto Bustillo é o director da revista e Laura Movilla a súa secretaria académica.
photo_camera Roberto Bustillo é o director da revista e Laura Movilla a súa secretaria académica.
A publicación, impulsada pola Facultade de Dereito, xa está en liña para a súa lectura pública

A "Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad" xa ten o seu quinto número disponible na rede. A publicación, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, aposta nesta nova entrega por potenciar a súa faciana máis divulgativa abrindo unha sección na que responde a diferentes cuestións de interese no eido dos recursos hídricos e o dereito.

Redas é, tal e como indican os seus responsables, "unha publicación internacional electrónica de contido xurídico e periodicidade anual especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional". A revista forma parte da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar) e está dirixida por Roberto Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, contando como secretaria académica con Laura Movilla, profesora axudante doutora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. A publicación xurdiu no ano 2015 como resultado da iniciativa de profesorado da Facultade de Dereito de Ourense.

Este quinto número da revista arranca cun editorial dos seus responsables "Caudais ecolóxicos e divulgación", no que ademais de presentar os contidos desta nova entrega explican o seu maior enfoque divulgativo. Así, detallan como a publicación incorpora unha sección denominada Materiais didácticos e divulgativos "oa que queremos afondar na vocación divulgativa da revista", lembrando como Redas foi recoñecida en 2017 cun accésit na modalidade de actividades de divulgación científica na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga. "O obxectivo desta sección é, seguindo a fórmula de preguntas e respostas, abordar e explicar diversas cuestións procurando sempre aunar técnica xurídica e claridade expositiva", comentan os responsables da publicación.

As tres preguntas ás que se dá resposta de xeito divulgativo neste número de Redas son a relación  entre a zona de policía de augas e a zona de fluxo preferente, o que acontece cando os espazos do dominio público hidráulico non están debidamente deslindados e se os usos construtivos son admisibles na servidume para uso público. A revista ten aberto xa o prazo para a presentación de traballos para a seguinte entrega, a correspondente a 2022.

O quinto número inclúe un editorial sobre caudais ecolóxicos firmado polos impulsores.

Te puede interesar