OBRAS

Leiro recupera a senda peonil pola marxe dereita do río Avia

Concello, Deputación e Confederación Hidrográfica investiron máis de 190.000 euros na obra

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, as obras que se fixeron na marxe dereita da senda peonil do río Avia ao seu paso por Leiro. Trátase dunha construcción que supera os 200 metros de lonxitude , cun ancho duns catro metros nalgúns tramos, e que ven de substituir á antiga pasarela de madeira que se atopaba nese lugar. 

O técnicos determinaron que a mellor opción para repoñer a continuidade da senda pasaba por demoler a antiga pasarela e dar continuidade ao paseo, ocupando o espazo situado entre o muro que delimita a marxe do río e as fincas lindeiras. Despois deste derrube procedeuse á edificación e acondicionamento do vial. 

O presidente da Deputación sinalou que é positivo "que se concreten propostas que veñen da man dos concellos e que teñen como obxectivo mellorar aspectos vencellados ao medio ambiente". "A senda fluvial do río Alvia é unha das riquezas que temos na provincia de Ourense", manifestou Manuel Baltar. 

Francisco Marín destacou que o importante desta obra foi "mellorar o dominio público hidráulico, xa que se eliminou a antiga pasarela que invadía o río e se construíu un novo sendeiro que contará cun firme ecolóxico, iluminación e mobiliario urbano". O acceso norte desde Leiro a este novo tramo será acondicionado con adoquín, mentres que o sur terá os mesmos materiais que o resto da obra. 

O importe das obras realizadas ascendeu a 191.496 euros, achegados polo Concello de Leiro , a Deputación de Ourense e a Confederación Hidrográfica. 

Te puede interesar