Os obxectos perdidos, propiedade dos que os atoparon

Obxectos perdidos, custodiados nas dependencias policiais. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Cando revisten valor, a Policía custódiaos durante dous anos. Pasado ese tempo, se os titulares non os reclaman, devólvense ás persoas que no seu día os entregaron na xefatura.
Perder obxectos é un oficio antigo pero actual, no que se resume a chapuza diaria na que ás veces consisten as vidas dos homes. A realidade está chea de obxectos perdidos. Tamén está cuberta de achados marabillosos, imprevistos. 'Buscamos sempre o absoluto –dicía Novalis– e non atopamos senón cousas'. A Policía Local de Ourense, de feito, conseguiu facer chegar aos seus propietarios ao longo do ano pasado até o 80% do obxectos que os seus propietarios extraviaran. É como se as cousas, dalgunha maneira misteriosa, coñeceran o camiño de regreso a casa.

En ocasións pasan anos entre que os obxectos abandonan aos seus donos e, o día menos pensado, atopan a dirección de volta. Ramón Salgado, veciño de Ourense, asistiu a un concerto hai catro anos en Santiago. Entre a música e a bebida, perdeu a carteira. Esvaecéronse a documentación, as tarxetas de crédito, o carné do Atlético de Madrid, un trevo de catro follas e 90 euros. O ano pasado atoparon o seu DNI en Alacante. As cousas menos previsibles, pasan.

Un obxecto perdido unhas veces é a identidade do seu titular, un permiso de conducir, unha tarxeta sanitaria. Outras é unha carteira enteira, a suma de todo o anterior. Ocorre que eses obxectos son ás veces máis grandes: bicicletas, gafas, teléfonos, reloxos, xoias, talóns bancarios, metálico... É dicir, o instrumental primario do que están formados os días, as semanas, a vida. 'A xente perde de todo', sinalan dende a Policía Local, que sube un chanzo e fala de 'cadeiras de rodas, dentaduras postizas...'.

A comisaría é esa praia contra a que baten os restos do naufraxio. Cando os ladróns expulsan pola borda o peso morto, a cotío esas pezas das que se desfai -documentos de identidade, acreditacións- recalan antes ou despois na Policía. Pero tampouco é estraño que os obxectos cheguen a terra porque foron descoidados polos titulares. 'Por non levar o traballo de buscar ou preguntar na xefatura, deixan pasar a oportunidade de recuperar todo este material'.

Novos propietarios
Pero os obxectos de valor nunca fican desamparados para sempre. A eternidade abúrreos. Acaso descansan, e cando lles parece, retornan. 'Pasados dous anos sen que sexan reclamados polos donos lexítimos, a persoa que os atopou e entregou á oficina de obxectos perdidos, ten dereito a que lle sexan devoltos'. Nas primeiras semanas de 2010, segundo datos oficiais, máis dun cento de obxectos extraviados nos depósitos municipais foron entregados ás persoas que os atoparon: un reloxo de ouro, un de prata, un sobre con 400 euros, unha carteira con 315 euros, outra con 80... Un fructífero etcétera. Na Policía consideran que o 'deber cívico e moral' de depositar en organismos oficiais os obxectos perdidos non é unha rareza. Nese -ao parecer- oasis moral ourensán, hai un episodio histórico que reluce como un espellismo. Ocorreu o 2 de maio de 2009. Unha camareira atopou no restaurante no que traballaba un bolso que contiña 962 euros. A muller non caeu na tentación de matinar que se pode facer hoxe con 962 euros. O problema, ás veces, é precisamente pensar. A muller só actuou, e devolveu cada billete. Olé. APolicía atopou en Manzaneda ao turista de Valladolid que os extraviara. Que cousas.

Te puede interesar