A Operación Quilo, 36 anos recollendo alimentos e xoguetes en Ourense

Ata o 22 de decembro nos supermercados da cidade estarán dispoñibles carriños da compra para que a xente que desexe colaborar poida doar alimentos non perecedoiros

 A Operación Quilo 2022, denominada nesta edición “Abrimos camiños. Facemos Nadal”, leva xa 36 anos realizándose na cidade de Ourense arredor das datas de Nadal. Organizada pola asociación xuvenil Amencer, é unha campaña de sensibilización da cidadanía e de recollida de quilos de alimentos para as familias máis desfavorecidas, ademais de xoguetes para os máis cativos.

Nesta campaña solidaria colabora tamén Cáritas, que está presente en tódolos barrios e que será a encargada de facer o reparto de todo o que se recolla nos días previos ó Nadal.

A campaña de sensibilización inclúe a colocación de 1.000 carteis nos escaparates dos comercios de Ourense e o reparto de 15.000 oitaviñas nas caixas de correos para informar á maior parte das familias.

Ata o 22 de decembro nos supermercados da cidade estarán dispoñibles carriños da compra para que a xente que desexe colaborar poida doar alimentos non perecedoiros.  O sábado 10 de decembro, entre as 10 e 22 horas,  farase a gran recollida de alimentos no centro comercial Ponte Vella.

Tamén se colocarán petos en 300 comercios da cidade para a recadación económica coa finalidade de mercar alimentos.

 A asociación Amencer tamén convida á clientela das perruquerías da cidade a colaborar coa Operación Quilo, doando dous euros por servizo, un xesto solidario polo que se lle entregará un lazo, símbolo la colaboración con esta campaña.

Un grupo de voluntarios identificados de Amencer visitará empresas do ramo da alimentación e a xoguetería que poidan aportar produtos á campaña. A asociación xuvenil tamén solicita a colaboración das entidades deportivas para aportar alimentos nos partidos ou adestramentos. La Región tamén colabora coa Operación Quilo.

Te puede interesar