entrevista - educación

Carmen Pomar: “Cando lle das oportunidades aos alumnos, os talentos saen por si mesmos"

Ourense. 01/10/2019. Entrevista a conselleira de educación Carmen Pomar.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A conselleira Carmen Pomar. (XESÚS FARIÑAS)
O mesmo día que a conselleira cumpriu un ano no cargo publicouse, o pasado 27 de setembro, o protocolo para as altas capacidades. "Queremos derrubar estereotipos e facilitar o labor de detección do mestre", di Pomar

O mesmo día que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, cumpría un ano no cargo publicábase o protocolo para a atención educativa ao alumnado con altas capacidades. Unha nova que moitas voces consultadas dese colectivo, co que ela leva traballando 25 anos, recibiron o pasado 27 de setembro como xa fixeran un ano antes co seu nomeamento: un paso máis no proceso de mudar a atención a estes rapaces.  

Que debe aportar o protocolo?

Queriamos poñernos no lugar do que vai a ler o texto. Debe ser útil: derrubar estereotipos e facilitar o labor de detección do mestre, que detecta algo nun neno, e ás veces non pode poñerlle nome. Por iso é importante saber as manifestacións dos nenos con altas capacidades. A detección é vital.  

Cambiou a percepción das altas capacidades nos últimos anos?

Cando empecei eran os bichos raros, que non se entendían, que non tiñan amigos. Nos últimos dez anos cambiou...non  diría 180 graos, pero uns cuantos. Está na fala da xente, as familias empezaron a traballar en actividades específicas e nos centros, tamén. A formación ao profesorado é vital, e cada vez hai máis demanda. Queda camiño, pero non hai cor. 

É máis difícil no rural?

Como son centros máis familiares, o coñecemento do neno é maior.  O das dificultades do rural é outro mito. Como o tema dos recursos económicos e culturais da familia. 

Esto é xenética e ambiente. 

Si, pero é máis a demanda que o neno ten de coñecemento. Está  clarísimo que hai parte xenética. Logo en función do ambiente tes máis ou menos medios. Pero o neno de altas capacidades búscase a vida. E esa inquietude obsesiva fai que un neno do rural, con quizais menos recursos ao seu alcance –cada vez ocorre menos, vivimos nunha aldea globalizada- vaia á biblioteca, pida libros… Vin nenos de todos os estratos. Non é unha elite. Non teñen máis recursos ou estímulos. 

Que supón este diagnóstico? 

Na cabeza tiñas un quebracabezas  deslavazado. Por iso o diagnóstico, cando antes, mellor. Fas unha reinterpretación da túa vida máis coherente. De adulto hai máis problemas para ir a un despacho e dicir: "Gustaríame saber se son de altas capacidades". Pero pola experiencia, é moi tranquilizador. Cando as familias din: "Preferimos non sabelo", ou "mellor non poñerlle nome…". Non é unha etiqueta, é nomear unha realidade.

Hai pais que antes dun diagnóstico prefiren que encaixes. 

Teño un criterio. A pregunta sempre é: “É un neno feliz?”. Entre comiñas, o concepto é abstracto. Se me dis que está triste ou decepcionado, preocúpame. Se está contento coa súa vida, non me preocupa. 

Un tema de debate é o baixo porcentaxe de detección. Outro é o xénero. Por que hai menos rapazas diagnosticadas? 

Vin algún comentario en redes dicindo que o tema do xénero nas altas capacidades é ridículo. A xente non coñece o suficiente esto de preto. Frivolizar é libre. O que está claro é que ocorre: sempre houbo menos nenas diagnosticadas que nenos. É un efecto Guadiana: en función da idade, desaparecen e aparecen. Aí está a socialización –e os lastres que temos as mulleres–, pasar desapercibidas e adaptarse.

A adolescencia é crítica.

Os rapaces de altas capacidades teñen unha presión moi forte cando chegan á adolescencia para cumprir expectativas que a sociedade ten sobre eles. E normas, gustos… ás veces non encaixan. E aí pásase moito peor aos 14 que aos 8. Por iso non é o mesmo identificar a un neno en Primaria que na ESO, xa hai historia detrás. 

A experta Luz Pérez destaca o sistema de intervención de Galicia. 

A aceleración non ten porque funcionar mal, pero hai que probar outras cousas antes. O SEM é un bo modelo de intervención, para todo o alumnado e especificamente para altas capacidades. E tamén para a detección. Porque cando lle das oportunidades aos alumnos, os talentos saen por si mesmos. Co proxecto SemGal estamos formando o profesorado para que coñeza o enriquecemento curricular.

Ourense. 01/10/2019. Entrevista a conselleira de educación Carmen Pomar.
Foto: Xesús Fariñas

Hai unha responsabilidade social para deixar de desaproveitar tanto talento?

Os nenos con talentos serán os futuros científicos, artistas, políticos… unha sociedade constrúese mellor en base ao talento.  

E mellor xuntar que separar. 

Sempre. Nunca apostei por segregar por capacidades. Na diferenza está a clave. 

Te puede interesar