ENTREVISTA

José Araújo: "A oposición poderá demostrar se quere á cidade aprobando PXOM e orzamentos"

josea
photo_camera José Araújo

O portavoz do PP no Concello de Ourense amosase moi satisfeito do traballo realizado.

José Araújo, peza clave do goberno local de Ourense, amósase moi satisfeito do traballo realizado dende que o PP asumiu o poder na cidade en xuño de 2015, esperanzado de poder levar a cabo novos proxectos nos próximos meses, entre os que destaca a campaña de reciclaxe de vidro entre hosteleiros, lanzada en colaboración con Ecovidrio.

Como xurde a idea?

A idea é incrementar as cifras de recollida de vidro e a empresa propón que, sen coste para o Concello, pode facer un "porta a porta", xa probado noutras cidades. O que ía ser unha campaña experimental, conta finalmente con 257 locais. Buscamos retirar vidro da rúa e que o que estea indo á bolsa de basura común vaia parar a Ecovidro. Se funciona ben, estenderase a outros lados.

Están contentos os hosteleiros?

É pronto para facer unha valoración, haberá que esperar. Estiven falando coas persoas que recollerán o vidro e manifesteilles que, en gran medida, vai depender deles.

Como reciclan os ourensáns?

En canto a cartón e envases, temos unha taxa moi boa, por encima da media en Galicia e en vidro algo peor, por iso buscamos esta iniciativa. O que detectamos é que nos envases hai moitos impropios, nos que se misturan cousas que poden estropear o resto. Iso hai que correxilo.

Vai acompañado todo isto de campañas de concienciación?

Estes días queremos que a xente saiba que non costa nada colocar os residuos no sitio que corresponda, haberá unha campaña presente en diferentes lugares da cidade. Dentro da concienciación sobre reciclaxe, está tamén a campaña dos compostadores de Seixalbo. Queremos baixar o número de toneladas que van a Sogama, pagar menos.

Seguimos co lixo. Preocupa a situación dos colectores soterrados, que non terminan de atopar unha solución?

Estou esperanzado de que cheguemos a un acordo. Está pendente a última proposta da empresa e despois falaremos cos grupos por separado. Levará un tempo, pero creo que imos polo bo camiño.

Desde que chegou ó Concello en 2003, viviu a maioría absoluta do PP, a oposición e agora un goberno en minoría. Esperaba dificultades neste mandato?

Nunca me espero nada para non levarme ningún chasco. É radicalmente diferente ó vivido anteriormente, pero tamén é un exercicio positivo intentar conectar co teu adversario político, é saudable facer este esforzo.

O alcalde repite que a oposición paraliza e non aporta. É así?

Penso que non toda a oposición é igual. Poño sempre como exemplo o plan de obras, onde sí que é útil. Refírome ó Partido Socialista, que exerceu un papel responsable e beneficioso. É un papel moi destructivo o de Democracia Ourensana cando criminaliza ós presidentes dos movementos vecinais, chamándolles mafiosos. Non metería a toda a oposición no mesmo saco, non se debe misturar. Terán a oportunidade de demostrar se queren á cidade aprobando o PXOM, un documento transparente, desenvolvido polo PSOE, ou os orzamentos.

Pero tamén son necesarias cesións por parte do goberno.

Temos claro que en calquera tema hai que ceder e non temos incovinte, pero hai que ser responsables e non meter os dedos nos ollos á xente. Teño os exemplos positivos dos colectores ou do plan de obras, nos que o PSOE estivo á altura, pero vendo comentarios sobre outros temas como o PXOM, está por ver.

Cando comenzarán as actuacións do plan de obras a desenvolverse?

No primeiro semestre do 2017.

Como se está a tramitar?

Estiveronse separando memorias valoradas de proxectos, buscando como articulalos. No primeiro semestre faranse traballos de importes inferiores e os máis cuantiosos terán que pasar por contratación.

Apetece levar a cabo actuacións como o sistema de elevación á Cruz Alta?

Si, ou o parque infantil da Alameda do Cruceiro, dous temas, ademais, que pediron desde Democracia Ourensana e que logo non apoiaron. Vanse quedar fora de ter participado.

A cidade está paralizada, como di a oposición, ou se desbloquearon moitas cousas, como di o alcalde?

Hai unha diferenza entre este goberno e o anterior. Nós estamos todo o día en clave de traballar, de forma transversal. O alcalde consegue un traballo en equipo. O goberno anterior non esixía transversalidade porque non se falaban entre eles. Esa mala relación traducíase en estar conspirando nas cafeterías, nós case non temos tempo para tomar un café. Dedicamos unha media de 14 horas ó día á actividade, ninguén se cre ese discurso de parálise. Nós herdamos un goberno onde todo estaba caducado ou bloqueado, poñer en marcha a maquinaria costa, conseguimos que todas as administracións se implicaran, como na alta velocidade, que está agora como tema prioritario en España.

Entende os contactos para unha hipotética moción de censura?

Todos sabemos cando un matrimonio é de conveniencia, para buscar certos obxectivos. Está abocado ó fracaso porque vai haber infidelidades, noites amargas.

Parécelle inviable?

É o que pasa se se xuntan auga e aceite, como o PSOE e Democracia Ourensana. Aproveitando o símil anterior, os fillos van ser infelices, non se preocuparían da educación. Iso é o que nos pasaría a todos os ourensáns. Pero pódense casar, non é ilegal, teñen todo o dereito.

A mobilidade foi outro tema polémico nos últimos meses. Haberá avances nesta materia?

Estase a traballar no tema, en buscar un funcionamiento máis eficiente. É pouco produtiva agora porque non se utilizou adecuadamente por Ourense en Común e PSOE, facendo política en vez de traballar, xerando conflitos innecesarios.

Falouse moito da recuperación de Montealegre. Está satisfeito?

Pegou un cambio radical. Xuntanse as obras de Medio Rural, a escola-taller de xardinería, o cariño dos funcionarios. Estase a convertir nun espazo increíble, recoñecendo que antes tamén se fixera un bo traballo, con Susana Bayo.

Hai nove meses, DO acusáballe de enchufismo. Preocúpalle o tema, molesta algo?

Non. Gonzalo Pérez Jácome é unha persoa que insulta, desacredita, manipula, é moi negativa.

Fixo todo correctamente?

Exactamente. Vai no soldo que te busquen as cosquillas, estou tranquilo.

Te puede interesar