REPORTAXE

O “orgullo de Sobrado do Bispo” volveu ao escenario

photo_camera A asociación cultural “Voces e Cordas” de Sobrado do Bispo recupera a súa Xuntanza de Corais trala pandemia. O grupo leva funcionando 35 anos e son un “punto de encontro cultural”. A asociación creou este outubro un grupo de pandeireteiras que debutarán este ano no escenario.
A asociación cultural “Voces e Cordas” de Sobrado do Bispo recupera a súa Xuntanza de Corais trala pandemia. O grupo leva funcionando 35 anos e son un “punto de encontro cultural”.

A música volveu ser protagonista onte en Sobrado do Bispo (Barbadás) co regreso da Xuntanza Coral organizada pola asociación cultural “Voces e Cordas”. Esta asociación, nacida no ano 86, cumpre este decembro 35 anos, e celebra a 32ª edición desta xuntanza que cada ano reúne na igrexa parroquial da aldea a dúas corais polifónicas de renome, ademais da coral da propia asociación. Este ano, os invitados serán a Coral Eixil de Cedeira (A Coruña), a Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos (Lugo). E este ano ademais haberá unha actuación adicional, será o grupo de pandeireteiras “Vagalumes”, que creou a asociación este curso.

A coral de Sobrado nace hai 35 anos, baixo a tutela do primeiro presidente, primeiro presidente, Ramón Cid e baixo a batuta do seu primeiro director D. Arsenio Alonso Araujo, veciño da aldea, e debido, sobre todo, a inquedanza musical da veciñanza. No ano 89 faise cargo da agrupación Epifanio Novoa Valencia, o seu actual director, quen ó longo destes anos consegue dar a esta agrupación unha entidade e personalidade propias nas súas interpretacións. A día de hoxe, este grupo está formado por 18 voces e está presidido por Manuel Gómez.

Flora Varela, a súa secretaria, indica que “costounos volver, porque hai moita xente maior á que lle custou volver a ter confianza”. A xuntanza non é máis ca “unha mostra para os veciños de todo o traballo que levamos durante o ano”. Estas persoas ensaian dúas veces por semana, “sacando tempo de onde podemos cada un”. Con todo, estes encontros no local de ensaio “non deixan de ser un gusto. Os que levamos a música por dentro sentímolo moito e non costa”. Ademais, Varela confesa que “para moita xente, este é o único contacto que ten co resto dos veciños, especialmente no inverno”. “Actuar na casa é algo completamente diferente”. Para estes veciños, poder amosar o seu talento na súa casa “énchenos de orgullo”.

Na busca de relevo

O principal problema para a supervivencia desta agrupación é ao que se teñen que enfrontar tantas outras: a falla de relevo xeracional. “Actualmente non temos moita xente nova. A moza máis nova que temos entrou con nós antes da pandemia e ten 22 anos. Os demais superamos todos os 50”, conta Varela. Con todo, é optimista e explica que “este ano quere incorporarse unha moza de 18 anos, e, no grupo das pandeireteiras, un pouco influídas polas Tanxugueiras, tamén está a entrar a mocidade”. Así, explica que movementos coma o do trío de mozas galegas “fai ver que isto non é música de vellos”.

Esta falta de renovación tamén fixo que a agrupación pasase de vivir “unha época dourada” nos anos 90 a manterse coa coral e co grupo de pandeireta a día de hoxe.

Os veciños, encantados

O certo é que esta asociación é o “orgullo de Sobrado do Bispo” e as cifras así o avalan. Esta é unha aldea que apenas supera os 500 habitantes, pero “Voces e Cordas” conta con preto de 300 socios, que colaboran cunha cota mensual ao mantemento desta iniciativa. Ademais, este ano foi o primeiro que pediron cartos a negocios locais para patrocinar a xuntanza, e o resultado non puido ser mellor. Ademais, esta solidariedade que “nos abraia”, impulsado especilamente trala pandemia, é un empuxón moi importante, xa que “levamos dous anos ingresando 0 euros por subvencións”.

Te puede interesar