ENTREVISTA - VIDA

O ourensán Diego Prieto, música e cultura galega por bandeira

photo_camera Diego Prieto.

Comezou no mundo da gaita da man da Asociación Cultural Os Trabazos, de Castro Caldelas, e no 2018 representará a Galicia na final do trofeo MacCrimmon do Festival intercéltico de Lorient

Diego Prieto comezou no mundo da gaita da man da Asociación Cultural Os Trabazos, de Castro Caldelas, no ano 1998, e, paralelamente continúa a súa formación na Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense. Dende o ano 2012 ata o 2014, desenvolveu a súa formación con mestres coma Óscar Ibáñez (academia Tempo 118) e dende 2014 ata a actualidade, na Escola Bellón Maceiras (Fene), da man do prestixioso gaiteiro Daniel Bellón.

Durante a súa traxectoria foi premiado en numerosas ocasións, destacando, entre outros, galardóns no memorial Gabino García (1º e 2º posto no 2014 e 2015 respectivamente), no concurso de música tradicional 3º premio no Xacarandaina na modalidade de gaiteiro solista (2016) e como integrante de Bran Cuartet no mesmo certame (3º premio no 2015 e 2º no 2016), 3º posto no X concurso tradicional de Luou como integrante de Bran Cuartet... e 4º posto na selección de gaiteiros para a representación de Galicia na final do trofeo MacCrimmon do Festival intercéltico de Lorient (2018). 

Cóntenos, como comezou no eido musical? 

A verdade é que foi curioso porque cando era cativo tíñamos como actividades extraescolares Baile tradicional e Gaita. E eu me apuntei a baile e, tras a negativa dos profesores a darme clases por “non ter ningún sentido do ritmo”, acabei por ir a gaita. O primeiro día que fun a gaita, cando cheguei a casa conteillo os meus avós, e meu avó, que lle gustaba moito os gaiteiros, o cabo dun par de semanas agasalloume un punteiro para que aprendera. Dende estón a música é parte do meu día a día. Por certo, ese punteiro que me regalou meu avó teño gardado como se fose o terouro máis valioso do mundo.

É un dos catro gaiteiros galegos seleccionados para tocar en Lorient, o único ourensán, que significa para vostede?

Para min é cumprir un soño que tiña dende fai tempo, non só por ter a oportunidade de ir a Lorient representando a Galicia, senón porque tamén é una recompensa o esforzo e o traballo realizado durante estos últimos anos.

Como foi o proceso para acadar a selección?

O proceso comeza coa grabación dun cd con unha peza tradicional que a delegación galega do festival escoita, valora e decide si eres un dos gaiteiros seleccionados para participar no concurso/selección de esos catros gaiteiros que posteriormente van a representar a Galicia no Trofeo Maccrimmon. Unha vez seleccionados un máximo de 15 gaiteiros para o concurso/ selección,que se celebrou en Teo o pasado 20 de Abril, cada gaiteiro debe de interpretar 5 minutos de repertorio galego, tradicional ou de autor, una pequena suit de música bretona e una peza Asturiana, a poder ser con gaita asturiana, ante un xurado proposto pola delegación galega composto por gaiteiros galegos que participaron ou gañaron o trofeo Maccrimmon en Lorient.

Como recibiu a noticia?

Pois a verdade e que cando dixeron o meu nome case lles teño que pedir que o repitan porque para nada o esperaba, xa que o nivel de todos os participantes foi especialmente alto, asi que como é normal a alegría foi moi grande.

Que expectativas ten ante o evento?

Penso que a expectativa que teño concorda coa expectativa do resto de finalistas, gañar o trofeo. Evidentemente é un reto moi complicada pero ainda nos quedan tres meses para seguir preparando o concurso, tanto no apartado musical como no mental, xa que é un concurso no que cada gaiteiro ten que tocar unha media de 15 minutos con diferentes gaitas e ante un xurado galego, bretón e asturiano e iso require moita fortaleza mental xa que durante o tempo que un esta no escenario non tes a nadie que te cubra no caso de equivocarte. Se o fas ben o mérito é todo teu, pero si a pifias, non tes a nadie que tape as túas pifiadas.

Ante o público, que significa levar un son tan galego no escenario? 

Para min significa una gran responsabilidade e un privilexio porque estas oportunidades presentanse unha vez na vida. Sinto agradecemento cara a miña familia e toda a miña xentiña, por creer en min e por estar ahí sempre de forma incondicional e sen esperar nada a cambio.

Que siginifica para vostede a música en xeral? E a música galega en particular?

Non sabría explicalo porque forma parte de min dende que teño uso de razón, e tan necesaria na miña vida como o aire que respiro. Para mín a música galega, o igual que a nosa lingua, é o ADN dos galegos. Mágoa que valoren máis a nosa cultura por ahí adiante que os propios galegos.

Algún proxecto que nos poida contar?

Pois agora mesmo estou metido de cheo nunha canle de Youtube que se chama TradiGaita na que trato de amosar os aspectos mais técnicos do noso instrumento. Estou moi contento co proxecto xa que tendo en conta que medrar en Youtube e moi complicado,a cousa vai funcionando moi ben, e ademáis este ano quedamos finalistas nos premios Youtubeir@s na categoría de mellor canle en galego, que organiza entre outros o concello de Ourense. 

Te puede interesar