DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Falando cos versos de Manuel MarÍa

Os poemas do lucense Manuel María resoaron onte nas rúas da cidade para festexar con verbas o Día das Letras Galegas. Monicreques, música e libros lembraron a importancia da lingua galega nun día soleado.

O idioma é o amor,/ o latexo, a verdade, /a fonte da que agroma/ a máis forte irmandade". Verbas do poeta Manuel María que onte estiveron, se cabe, máis presentes que nunca no pensamento dos ourensáns nun día  no que festexaron as Letras Galegas, adicado este ano a este poeta da Terra Chá, falecido no ano 2004.
O amor, a arte, o compromiso político, o galeguismo, a denuncia ou a etnografía, son só algúns dos temas que se tornaron versos nos poemas de María e que onte, na cidade, estiveron presentes mediante títeres, libros e recitais.

A sala José Ángel Valente, outro gran poeta da terra, acolleu espectáculo de monicreques e música "O bigote de Mimí", creado por Luis Vallecillo e a Banda do Cuberto. Os máis pequenos aplaudiron e participaron na historia do gato Mimí, quen padeceu as consecuencias dunha pésima decisión, baseada nun relato infantil de Manuel María.

Esta actividade, organizada polo Concello de Ourense, complementouse cunha lectura de poemas que tivo lugar na rúa e que foi iniciada polo alcalde, Jesús Vázquez, quen ademais tivo unhas verbas para glosar a figura do poeta. Seguiron o portavoz socialista, José Ángel Vázquez Barquero, e o representante de Democracia Ourensana, Armando Ojea, quen se decantou por cantar o poema. Seguidamente foron os propios cidadáns quenes fixeron resoar os poemas de Manuel María ante os altavoces.

Ao mesmo tempo, unha carpa branca acolleu librarías da cidade que ofreceron durante todo o día a lectores, e sobre todo, a futuros lectores libros cun denominador común: a lingua galega, á que tantos poemas adicou Manuel María. "Temos que falar en galego. A miña nai sempre o fai", explicaba unha pequena de seis anos, Candela, aos adultos que lle mercaban un conto. Máis non foi só a cidade o esceario creado para festexar ás letras galegas. A Asociación Cultural Agromadas de Seixalbo organizou unha interesante conversa entre dous escritores ben coñecidos: Miguel de Cervantes e o propio Manuel María. Pola súa banda, en Barbadás, nun acto protolocario a Casa da Cultura foi bautizada como Casa da Cultura Manuel María. O grupo "Xardín desordenado" foi encargado de poñer as notas musicais ao evento organizado polo Concello, con letras sacadas de poemas galegos.

E como broche para rematar a festa do galego, convén lembrar outro poema de Manuel María:

"Sen metafísica poética digo o meu mensaxe:/vivide./Sen berros que cheguen ás entrañas:/vivide. Vivir sempre./Vivir agora, denantes e despois".

Te puede interesar