Nesta edición salienta a creación da Sección Oficial, que reúne a 20 artistas internacionais

O Outono Fotográfico celebra 30 anos con 113 exposicións

Agustín Fernández, Xosé Lois Vázquez, María Lameiras, Rogelio Martínez e Belén Iglesias. (Foto: JOSÉ PAZ)
A estación de outono é a de maior programación cultural da cidade. Despois do Festival Internacional de Teatro e as Xornadas de Banda Deseñada, agora chega o turno do Outono Fotógrafico, a cita por excelencia desta época. Este ano cumpre tres décadas e celébrao coa presencia de máis de 470 fotógrafos que amosarán as súas obras nun total de 113 exposicións (74 delas de autoría individual e 39 colectivas) ata finais de ano.
Entre as principais novidades desta edición -a segunda tralo falecemento do fundador, Benito Losada, e a primeira que organiza a fundación que leva o seu nome-, salienta a creación dunha Sección Oficial na que un grupo de recoñecidos fotógrafos, seleccionados polo coordinador do certame, Vítor Nieves, para amosar 'un festival acorde co seu tempo'. Neste apartado estarán autores como Cé Tomé, Xaquín Rosales, Álvaro Negro ou Carlos Puga. O obxectivo é tamén acentuar a internacionalización do evento incorporando mostras artísticas de Brasil, Holanda, Xapón ou Estados Unidos.


23.317 EUROS

Aínda que algunhas exposicións comezaron xa en espazos coma o Museo Municipal ou o Ateneo de Ourense, a inauguración oficial celebrouse onte coa presencia do director do certame, Xosé Lois Vázquez; o coordinador, Vítor Nieves; o alcalde ourensán, Agustín Fernández; a vicerreitora do Campus, María Lameiras; o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e a concelleira da cidade Belén Iglesias. Todos eles coincidiron en salientar a importancia cultural do Outono Fotográfico, que este ano conta cun orzamento de 27.317 euros, unha cantidade lixeiramente inferior á da pasada edición, cando era de 24.000. Do mesmo xeito, Vázquez tamén quixo lembrar que as Xornadas de Banda Deseñada supuxeron unha partida de 8.600 euros.

Os espazos expositivos serán os habituais deste certame. Son en total 91 recintos, unha parte deles fóra da provincia de Ourense. Neste sentido, é a primeira vez que o Outono non se presenta na Casa da Xuventude, dirixida ata o seu falecemento por Losada, aínda que a súa responsable, Mercedes Valeiras, estaba presente entre o público.

Te puede interesar