O Parlamento recoñece a Nós como “faro da galeguidade"

Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao; Ana Patricia Torres, presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco, e Juan Luis Saco, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
photo_camera Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao; Ana Patricia Torres, presidenta da Fundación Antón Losada Diéguez; Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco, e Juan Luis Saco, presidente da Fundación Otero Pedrayo.
As Fundacións Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Losada Diéguez recolleron as Medallas 2021

O Parlamento de Galicia entregou onte as Medallas 2021, a súa máxima distinción, á xeración Nós, a través das "únicas catro fundacións que perpetúan a memoria desta xeración". Representantes das fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco recolleron o galardón, que simboliza un recoñecemento outorgado por unanimidade "aos homes que conseguiron crear o momento histórico máis relevante da cultura galega". 

A Foliada do Quinteiro, interpretada por Susana Seivane, marcou o inicio dun acto emotivo, con música e verbas, que lembrou a aquel grupo de intelectuais que elevaron a Ourense á Atenas de Galicia e fixeron o país máis culto e europeo, grazas aos "bos e xenerosos, heroes nun tempo difícil no que foron quen de antepoñer a idea de Galicia a todo o demais", en palabras do presidente do Parlamento, o ourensán Miguel Santalices. Unha ducia foron asasinados e outros foron condenados ao ostracismo: "Uns e outros mantiveron a súa lealdade á causa galeguista", enfatizou Santalices.

O presidente do Parlamento galego quixo agradecer o labor dos sanitarios durante a pandemia da covid ao inicio do seu discurso. Xa sobre as Medallas, apuntou o recoñecemento "á semente do cosmopolitismo, europeísmo e vangarda que uns e outros achegaron á cultura galega, sempre coa lingua como bandeira hai agora cen anos". Santalices lembrou o "movemento que tivo como epicentro a revista Nós, materializada en Ourense". "O proxecto editorial que fixeron posible resultou determinante para a posterior determinación de Galicia", engadiu Santalices. Así, "en pouco tempo, a revista Nós conqueriu o respecto unánime do país".

“Sentido universal"

"Hai un século estes homes foron quen de construír un relato coherente do país e sinalar o camiño para poñer a Galicia no lugar que lle ten que corresponder dentro do concerto dos pobos, dándolle un sentido universal ao enxebre", apuntou Juan Luis Saco, presidente da Fundación Otero Pedrayo.

“Esquecido" Losada Diéguez

Ana Patricia Torres Madureira, representante da Fundación Antón Losada Diéguez, destacou como "fundamental para a nosa Galicia" a xeración Nós e reivindicou a figura de Losada Diéguez, natural de Boborás, como "esquecido mentor de Nós, que reclutou no galeguismo ao grupo de Ourense.  E a idea de facer a revista foi del".

Risco, amante das vangardas

Celia Pereiro Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, destacou ao intelectual ourensán como "ideólogo da revista Nós" e que escribiu, por exemplo, sobre a "avanzada muller do porvir" que foi Concepción Arenal. "Risco foi un amante das vangardas, heterodoxo, amigo da conversa e aglutinador dos artistiñas, entroideiro e cheo de sentido do humor", dixo Pereiro no seu discurso.

Galicia, unha tarefa

Carlos Mella Villar, presidente da Fundación Castelao, foi o último en recoller esta medalla conxunta que homenaxea a Nós a través das fundacións que manteñen o legado. "Esta xeración chegou nunha época de incertidume, mirou o país, non lle gustou, e en troques de deitarse na queixa, constrúe o país. Eles sós conseguen, con esforzo tremendo, algo inmenso: Galicia deixa de ser un pensamento abstracto para convertirse nunha tarefa a realizar", rematou. 

Feijóo reivindicou a "discrepancia" dos intelectuais como un "gran exemplo" 

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, indicou que "o Estatuto de Autonomía é fillo do pobo galego e foi axudado por un soño traballado arreo por uns precursores. É unha feliz consecuencia do afán popular, dunha democracia recuperada e de ideas fecundas sementadas por galegos que imaxinaron unha Galicia libre. Sen as autonomías, a democracia española tería nacido feble", apuntou. Sobre Nós, subliñou que "aprendron tolerancia e unidade do pobo, acollendo a persoeiros mesmo discrepantes entre si". Feijóo reivindicou aos "senlleiros" de Nós: "Galicia non sería o que é hoxe sen o traballo daqueles devanceiros que nos marcaron o camiño, que marcan para sempre a forma de facer política e cultura". O presidente autonómico invitou a tomar exemplo da "discrepancia" de Nós na actualidade, polo "soño común" de Galicia. 

Te puede interesar