cultura - entrevista

"Pasei 12 anos debuxando para o cine, durmo moito mellor facendo tebeos"

David Rubín (IVÁN DACAL).
photo_camera David Rubín, nunha firma no Sindicato del Comic de Ourense. (IVÁN DACAL).

David Rubín volve a Galicia para presentar un libro e unha exposición. O próximo sábado dará a coñecer en Ourense o segundo volume de "Ether", un cómic de fantasía xunto a Matt Kind para Dark Horse

David Rubín é un dos nomes de referencia da banda deseñada internacional. Empezou a debuxar dende Ourense e defende o cómic feito na súa terra. Conquistou o mercado norteamericano cun selo propio, nunha industria con xéneros e modas moi marcadas. Volve a Galicia para mostrar os seus froitos, cunha presentación dun libro e cunha exposición. "Superpoderes. David Aja y David Rubín" inaugurase mañá na sede de Afundación en Vigo. A mostra exhibe 350 obras destes dous "monstruos do cómic internacional". E este sábado, día 27, presentará na cidade o segundo volume de "Ether", un cómic de fantasía xunto a Matt Kind para Dark Horse. A cita é no Sindicato del Cómic (rúa Doctor Marañón, 15) ás 18,30 horas. 

Como concibe os superheroes?

Máis de novo cuño, que se saen do estándar habitual ao que levamos tantas décadas acostumados.

É complicado saír da norma nun mercado como o americano?

Non. De feito o lector de alá agradece este soplo de aire fresco. Spiderman, Superman, Batman... teñen moita andadura ás espaldas. Xa se contou todo con eles e a xente ten ganas de historias novas.

Teñen algo de antiheroes?

Hai de todo un pouco. Tento darlles máis humanidade, facelos máis febles. O lector séntese máis identificado coas personaxes, as debilidades fanos máis humanos. Esas pequenas taras danlle maior forza aos momentos épicos porque fan un contrapunto. Cando chega a acción cobran máis forza, sabes que quen a está levando a cabo non é  invencible.

Que lles atraeu aos americanos?

Levo seis anos traballando para alí e está sendo moi ben valorado o meu traballo. Quizais pola diferencia doutra xente, xa que nunca tentei seguir unha corrente ou moda concreta nin un xeito de debuxar determinado. Isto é algo que alí se ve moito. Porque mentres esas correntes están de moda, consegues traballo máis fácil. Eu móvome máis noutro nivel, máis autoral. Costa máis abrirse camiño pero a xente aceptao bastante ben e agradecen ese punto de vista novo que lles das ás suas iconas.

E dende Galicia, como ve o panorama do cómic?

A cousa está mellor, en Galicia e España. Dende logo, queda moita pedra por picar. Hai que loitar por sacar adiante esta industria e facela máis forte. En Galicia están sacándose publicacións de forma periódica, sae xente nova e non tan nova a facer tabeos. Hai que seguir apostando por publicar e ler  cómic en galego. Ver a miña obra publicada en galego era unha loita na que levaba tempo, este ano por fin o conseguirei. É unha pena ver que publicas en diferentes idiomas e no teu país non podes ler na túa lingua as obras coas que percorres o mundo. Era unha pena moi grande. Publicarei "A tetería do oso malayo".

E para cando cómic en versión orixinal en galego?

Gustaríame. Se se recibe ben a obra que publico, a miña idea é seguir sacando cousas novas en galego.

Plantéxase debuxar para outro medio que non sexa o tebeo?

Pasei 12 anos traballando para o cine e estou moito máis feliz facendo tebeos. Non me quita o sono non adicarme ao audiovisual, durmo moito mellor facendo cómics.

Como entende o tebeo como ferramenta educativa e de ocio?

O primeiro que me preocupa é que sexa divertido, que enganche, aínda que sexa unha historia triste. Hai segundas lecturas. Teño o cu pelado de percorrer centros escolares e institutos sobre como facer e ler cómics. Teñen unha repercusión enorme. Os rapaces están indo a biblioteca como tolos buscando cómic. En pleno século XXI non podes presumir de ser culto se non sabes quen é Frank Miller ou Miguelanxo Prado. Estamos aí, somos parte da cultura pop.

Pódese facer cómic dende Ourense ou hai que emigrar?

Non hai que emigrar, máxime agora con internet, pero require moita dedicación, empeño e talento. Pódese facer. Eu son a proba. Un rapaz de Ourense que cando tiña a idade de rapaces que agora queiran adicarse a isto, non había internet. Parecía que se querías debuxar superheroes tiñas que ir a vivir a Nova Iorque.Agora xa non. 

Te puede interesar