Ourense

Carlos Mella: "O patrimonio está ciscado, o cadro de Castelaño tiña que estar aquí"

Ourense

ENTREVISTA

Carlos Mella: "O patrimonio está ciscado, o cadro de Castelaño tiña que estar aquí"

Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao.
photo_cameraCarlos Mella, presidente da Fundación Castelao.

O Presidente da Fundación Castelao fai exame de conciencia e explica que "a xente empeza a ver ese sentimento galego"

"Conquista identitaria" é o logro que atribúen na Deputación de Ourense á acollida da recepción do cadro de Castelao "A derradeira leición do mestre" e as súas consecuencias. Instáurase o Día da Galicia Mártir, empézanse diálogos coas fundacións galeguistas... E a provincia reivindícase como "o berce do galeguismo". Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, confía nese novo agromar do sentimento galego. Aínda que chegamos tarde a algunhas cousas.

Que importancia ten que “A derradeira leición do mestre" se puidese ver en Ourense? Trala exposición no Gaiás, é a segunda vez que o cadro saiu do seu lugar de orixe, en Buenos Aires.

Estas actuacións son importantísimas porque nós temos ciscado o patrimonio nacional por aí fóra. Ademais este cadro é realmente importante e simbólico, fantástico pola súa estrutura e polo que quere dicir. Ourense foi máis espelido que os demais e conseguiuno. Para min é un dos actos máis importantes que se puideron celebrar na provincia nos últimos anos.

O cadro de Castelao debería estar en Galicia?

Efectivamente. Pero entre o "debería" e o debe... O cadro ten dono. Os galegos, polas razóns que fora, nos preocupamos pouco por moitas obras e por moitas cousas de Castelao. Os propietarios saben a xoia que teñen e difícilmente a van soltar. Habería que falar de diñeiro, pero non... O único que podemos ter é a esperanza de que algún día fagan unha donación e se quede en Galicia.

Di que o patrimonio galeguista está ciscado fóra de Galicia. Por que? Acordamonos tarde?

Non me gusta botar as culpas a ninguén, pero, por exemplo o dormitorio onde morreu Castelao. A habitación 202 do Centro Gallego de Buenos Aires. Home... Non telo aquí! Eu estou facendo xestións para traelo. Ao fin é o cabo é unha mesa, unha cadeira e unha cómoda. Pero iso significa algo. Atopo moitas dificultades para traelo. Tódalas nacións teñen os seus símbolos un pouco á man e parece que os galegos empezamos a pensar agora niso, pero non nos preocupamos moito antes.

Manuel Baltar reivindia un "novo espertar do galeguismo" trala recepción do cadro de Castelao e iniciativas como a aprobación do Día da Galicia Mártir. Cre que está agromando un novo galeguismo?

O que non se lle pode negar a Baltar é que está facendo un traballo a prol do galeguismo moi impotante, ten que ter o seu mérito e recoñecemento.

E fóra das institucións, ve ese espertar do galeguismo na xente?

Pois si, porque a xente empeza a velo... Á exposición "Castelao Maxistral" no Gaiás foron 300.000 persoas. O que pasa é que aos galegos hai que poñerlles as cousas para que as vexan. Non lle podes pedir milagriños, nin que vaian  eles a Buenos Aires. As autoridades teñen que moverse e os galegos teñen interés por Galicia. Demostrárono vinte mil veces, incluso emigrando.

A “oficialidade" do Día de Galicia Mártir. Que cambios traerá?

Asisto tódolos anos ao día da Galicia Mártir e celébrase na Caeira, en Pontevedra. A min gustaríame que ese momento, fulcral da personalidade de Galicia, deixara de ser unha festiña pequena a que van catro tipos de esquerdas para que sexa unha festa de verdade. Todo o que se faga para que ese día sea de verdade e galego, paréceme ben.

“Cousa de catro tipos de esquedas". Que papel cre que teñen que adoptar os partidos na defensa do galeguismo?

Xa o dicia Castelao, nin de dereitas nin de esquerdas. É de conciencia de galego. Vexo que na construción de Galicia temos que participar todos. Non pode haber exclusións. Ata agora houbo algunhas máis ou menos ocultas. Temos que empezar a funcionar como nación, que é o que somos. Galicia é unha nación que ten territorio propio, cultura,  idioma, sentimento e si me apuras, climatoloxóa propia. É a hora de reivindicarnos como se reivindican outros, para esixir dereitos nosos e sentirnos nosos.

Galeguismo e separatismo...

Son dúas cousas diferentes. Nacionalista é poderse aliar cos outros para facer cousas, porque te alías dende a túa maneira de ser. Se non tes esa maneira de ser, eres un ninguén. Cando os cataláns falan de autodeterminación están falando de independencia. Cando Castelao fala de autodeterminación, di unha cousa moito máis intelixente: teño que poder autodeterminarme porque son libre e sendo libre é cando podo dicir si ou non a alianza cos demais pobos de España. Se non me podo autodeteminar, serei un espectador pero non terei nada que dicir. Por iso Castelao quere que Galicia teña representantes no Parlamento. Porque si non tes presencia política, a tua existencia real, como lla fas ver aos demais?

Falta representación.

Si, e todos estes efectos de ter aquí os símbolos, a historia, empeza a mover aos galegos. Que todos os partidos empecen a sentirse galegos... Todo é absolutamente necesario para representar un papel serio no conxunto de España.

Hai oportunismos?

Non lle vou pedir a todos os partidos que se fagan nacionalistas, pero sentíndose bo galego e falando galego, se é bo galego.

O galego perde falantes.

Desgraciadamente, escoitas falar á xente pola rúa e ves como o galego vai esmorecendo... A nosa Real Academia Galega e o Instituto da Lingua podían facer máis do que fan. 

Más en Ourense