ECONOMÍA - CONCELLO

Jesús Vázquez confía en que o Concello alcance o obxectivo de débeda cero en 2017

O rexedor e a concelleira de Facenda, Ana Morenza, destacaron que desde o 15 de xuño de 2015 a 31 de decembro de 2016 a débeda "reduciuse nun 75%"

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, confía en que o Concello ourensán alcance o obxectivo de débeda cero en 2017, despois de reducila nun 75 por cento desde xuño de 2015 e por mor dos "bos datos" da xestión económica do seu grupo de Goberno.

O rexedor e a concelleira de Facenda, Ana Morenza, coincidiron este venres na posibilidade de que o Concello consiga que en 2017 a súa débeda quede a cero, a tenor da mellora nos principais índices económicos do consistorio durante os últimos 16 meses.

Así, Vázquez destacou que desde o 15 de xuño de 2015 a 31 de decembro de 2016 a débeda "reduciuse nun 75%", pasando de 39.317.411,21 a 10.097.708,07 euros, grazas ao que cualificou como unha "xestión rigorosa" preocupada por "sanear" as contas do Concello.

Outro dos datos presentados polo edil é o do período medio de pago aos provedores. En xaneiro de 2015 a espera media para cobrar do Concello era de 78,70 días; en decembro de 2015 ese período reduciuse ata os 13,10 días, mentres que en febreiro de 2017 "situouse en 7,65 días", informou Vázquez.

O edil tamén resaltou de que nos últimos dous anos o superávit do Concello "case se duplicou". En 2014, o importe era de 12.7335.186 euros, un ano máis tarde foi de 14.476.757,01 euros e en 2016 foi de 24.754.259,84 euros.

Ademais, Vázquez defendeu o aumento de investimentos na cidade procedentes doutras administracións "especialmente a Xunta", pero tamén de empresas e institucións privadas.

Neste sentido o edil destacou que desde xuño de 2015 o seu grupo de goberno alcanzou un total de 44.494.326,38 euros doutras administracións e entidades privadas para investimentos, programas e proxectos na cidade. Desta cifra 34,7 millóns proceden doutras administracións.

Para Vázquez estes datos demostran que "o Concello está moito mellor hoxe en día que en xuño de 2015" cando o seu grupo chegou á alcaldía, e que a solvencia do seu partido como xestores "queda clara".

"Paso adiante"

En base a estes datos, o alcalde pediu a todos os grupos que dean "un paso adiante" e que "abandonen o non no que están instalados" para "arrimar o ombreiro" pola cidade.

O alcalde tamén falou sobre os futuros orzamentos, que contarán cun teito de gasto de 100,5 millóns de euros e dos que avanzou que "serán de ámbito social". Vázquez declinou dar unha data para a súa presentación "ata ter claros todos os pasos da reforma da Relación de Postos de Traballo".

Te puede interesar