A Peroxa subasta o local da escola de Carracedo

Estado actual da antiga escola de Carracedo.
photo_camera Estado actual da antiga escola de Carracedo.
Primeiro haberá que aclarar se pertence ao Concello ou á veciñanza

O Concello da Peroxa aprobou no último pleno, por unanimidade, sacar a subasta o local da antiga escola de Cerracedo, xa que, como expuxo o alcalde, Manuel Seoane, “hai unha persoa interesada na finca”. Actualmente, este edificio atópase nunha situación de ruína, e non se coñece o proxecto que o particular interesado quere desenvolver na parcela. Este edificio foi empregado durante moito tempo como unha das escolas unitarias que había no municipio, pero, ao interromperse a actividade docente, quedou abandoado e a día de hoxe está completamente invadido pola vexetación, quedando soamente os muros exteriores.

Con todo, esta subasta non poderá ser inmediata, xa que, como preguntaba o concelleiro do PSOE, Antonio González, non está clara a titularidade da parcela, xa que hai quen sostén que pertence á veciñanza, e quen indica que pertence ao Concello. Deste xeito, de confirmarse a propiedade municipal “será sacada a subasta porque é a forma que ten a administración de facer estes procedementos, permitindo a outros interesados presentar ofertas, ademais da que xa coñecemos”, comentou Seoane. González tamén preguntou que pasaría se a titularidade fose veciñal, ao que o rexedor respostou que “quedaría como está porque non podemos facer nada”. Unha curiosidade desta escola é que foi onde comezou a súa carreira profesional como docente o expresidente da Deputación, José Luis Baltar. Aínda hai veciños que recordan como “viña en bicicleta dar clase aquí, e despois viña na súa moto”.

Ademais, o concelleiro socialista preguntou no pleno por outros proxectos en marcha, como o do arranxo da piscina municipal, que tivo que volver licitarse hai unhas semanas porque a empresa adxudicataria anterior non foi quen de desenvolver a obra. Seoane respostou argumentando que esta infraestrutura xa está adxudicada, e que estará “se todo vai ben, para o día 1 de xullo”, engadindo que “esta empresa reduciu o plazo de execución de tres a dous meses”, aínda que dende o PSOE desconfían destes prazos.

Te puede interesar