REPORTAJE

Poetas pontinas: unha xeración que pisa forte

Zaira Ferradás, Lorena Fernández e Ana Fraile, fronte ao IES Blanco Amor no que estudan (MARTIÑOI  PINAL)
photo_camera Zaira Ferradás, Lorena Fernández e Ana Fraile, fronte ao IES Blanco Amor no que estudan (MARTIÑO PINAL)

Lorena Fernández, Zaira Ferradás e Ana Fraile son "Pontesía 2019", as novas escritoras do barrio que recitarán mañá os seus versos no local da asociación Andén Primeiro. Para as tres, o folio blanco é unha terapia. 

A máis pequena rompe o xeo. "A poesía cambioume a vida totalmente. Non sei que sería de min sen escribir, é unha maneira de desafogarme", conta Lorena Fernández, estudante de 4º da ESO do IES Blanco Amor e membro do clube de poesía deste instituto. Participa mañá ás oito da tarde en Pontesía, evento organizado pola asociación Viavella para presentar a unha nova xeración de poetas pontinas. Desta vez son tres rapazas do mesmo centro educativo. Con Lorena recitarán os seus poemas –no local da asociación Andén Primeiro– Zaira Ferradás e Ana Fraile. Terán unha oínte de luxo, que tamén lerá os seus versos: Marilar Aleixandre, que vén de gañar a máxima distinción de NARST (Organización Mundial de Investigación en Didáctica das Ciencias).

Preocúpanlles os exames, os agobios diarios, as relacións tóxicas, o medio ambiente ou a política. Escriben das cousas que lle pasan a elas e das que lle pasan ao resto do mundo. As tres empezaron na poesía gracias a unha profesora: Olga Novo. Din que é unha persoa especial que soubo captar a súa esencia, a que outros non viron. "Na miña clase había moitos monumentos cando chegou Olga e ela conseguiu amansalos", bromea Zaira Ferradás. A poesía para esta alumna de 2º de Bacharelato é terapia. Sobretodo nestes anos nos que o sistema educativo parece que as prepara únicamente para as probas de acceso á universidade. "Estes dous cursos son un agobio e a poesía é unha evasión. Escribo sobre cousas que me pasan ou como me sinto. Ás veces tamén vexoo unha palabra que me gusta e intento definila", conta Zaira.

A Ana Fraile costoulle un pouco máis de tempo conectar co mundo da poesía. Ou máis ben, exteriorizalo. Porque en realidade, escribe "desde que escribe". Así o define ela: "Unha profesora de Infantil díxolle a meus pais que sería escritora. E mira, aquí estou escribindo", conta esta estudante de 1º de Bacharelato para a que a poesía é unha forma de entenderse así mesma, aínda que ás veces non o consiga. Tampouco importa. "Ese caos de metáforas e sinestesias son o mellor que me describe. Aínda que non o entenda ninguén".  


Bichos raros?


Explícao Ana: "Ver a unha rapaza en 1º da ESO lendo a Oscar Wilde, a Shakespeare ou a Rosalía non é habitual. Sempre me sentín un bicho raro nese sentido". Lorena di que "hai moi pouca xente que te pode entender, pero no clube vin que non era a única. Sempre me sentín orgullosa de que me gustara a poesía". "É chocante. Antes preguntábanche: 'Ah, que che gusta a poesía'? Agora xa está máis normalizada", engade Zaira. Unha nova xeración con moito que dicir. 

Te puede interesar