Os Educadores pola Paz volveron botar unha pomba durante o encontro anual. Pero este ano pousouse en Viana do Bolo, precisamente o lugar de nacemento do fundador do colectivo, Suso Jares, falecido en 2008.

A pomba que sabía onde caer

Xosé Manuel Cid ten man da pomba momentos antes de botala ó aire.
A vida está chea de casualidades e unha delas traspasou a raia portuguesa na última fin de semana do mes pasado en forma de pomba. Como cada ano, e van xa 26, o colectivo de Educadores pola Paz reuniuse para celebrar o seu tradicional encontro galego-portugués, este ano en Chaves. Unha vez máis, salientaba no programa de actividades unha que lles fai especial ilusión ós asistentes máis pequenos e non deixa indiferente ós máis maiores. O sábado, día 28, botaron a voar unha pomba, fabricada en porexpán, dende a localidade portuguesa. Era por volta do mediodía.
Ata aí, o ritual foi semellante ó seguido en anteriores edicións. Pero esta vez, a diferencia do que ten acontecido outros anos, a aterraxe da pomba foi visto por unha parella. Esta particular ave pousouse nun monte de Bembibre, no concello de Viana do Bolo tras un voo de aproximadamente tres horas. A gran coincidencia desta historia é que nese mesmo municipio naceu Xesús Rodríguez Jares, a quen todos coñecían como Suso Jares e que foi tamén fundador de Educadores pola Paz. Así, lembra o profesor de Educación do Campus de Ourense Xosé Manuel Cid que 'despois de anos sen saber onde caía, este ano foi aterrar no pobo de Suso', falecido en 2008.

A pomba emprendeu o voo acompañada polas respectivas direccións de cada un dos organizadores para que, se a persoa que a atopase o tiña a ben, comunicase o lugar da aterraxe. A parella que finalmente deu con ela fixo uso desas facilidades remitíndolle unha carta na que explicaban como viran caer a pomba e comunicaban a súa intención de entregarlla a algún dos colexios de Viana.

O lugar escollido, por petición propia de Educadores pola Paz, foi o IES Carlos Casares. Precisamente, o salón de actos deste centro educativo leva tamén o nome de Suso Jares, aumentando así as coincidencias desta particular viaxe entre Portugal e Viana do Bolo. Alí permanece aínda hoxe a pomba e, dende a directiva do colectivo, non descartan facer algún tipo de acto para celebrar a chegada da ave de porexpán ó lugar de nacemento do seu fundador.

A serie de coincidencias deuse durante este XXVI encontro, que estivo baseado nas relacións interxeracionais como peza fundamental para unha educación de paz. As conclusións das xornadas serán presentadas no marco de Galisenior, en Expourense. As ideas principais que os asistentes extraeron non fan máis que revelar a 'importancia que, tanto na escola coma noutros centros sociais, ten o traballo interxeracional'. Neste labor de fomento da convivencia, salienta a presencia do patrimonio como ferramenta e, para iso, débese 'conseguir que os maiores sigan vivindo no seu entorno', explica Xosé Manuel Cid.

Arredor dun cento de persoas participaron este ano no encontro, que organizan a Asociación Galego Portuguesa de Educadores pola Paz (Agappaz), Nova Escola Galega, Movimento dos Educadores pela Paz de Portugal, o Campus de Ourense, a Universidade de Santiago e a lusa Tras-os-Montes e Alto Douro. Alí puideron asistir a diferentes seminarios en torno ás relacións entre xeracións. A localidade de celebración do próximo ano aínda non está segura, pero Cid sostén que será na raia, ben na ourensá ou na pontevedresa.

Te puede interesar