Entrevista

"Se é preciso, pasarán a fronteira a pé e pagaremos taxis que os recollan"

undefined
photo_camera Orlando Alves (XESÚS FARIÑAS).
O presidente da Cámara de Montalegre amosa o seu enfado polo peche dos pasos que unen o seu territorio con Baltar e Calvos de Randín

O presidente da Cámara de Montalegre, territorio luso limítrofe coa Limia, amosa o seu enfado polo peche dos pasos que unen o seu territorio con Baltar e Calvos de Randín, xa que 50 veciños traballan alén da Raia e agora deberán facer 200 quilómetros de ida e volta para pasar a través do paso de Chaves e Feces de Abaixo (Verín), o único que mantén aberto o Goberno portugués para viaxes xustificadas. Se non rectifican, Orlando Alves non descarta pagar a taxistas ourensáns para que recollan os traballadores na fronteira.

Pódese reverter o peche?

O peche das fronteiras foi a pasada medianoite, pero xa a semana pasada, prevendo que se ía pechar  as fronteiras por Baltar e Sendim, solicitei ao ministro de Administraçao Interna que tivese en conta o elevado número de traballadores que precisan dirixirse todos os días para o seu posto de traballo. Ao pechar esta fronteira, terán que facer un traxecto de 200 quilómetros por día. Isto tamén aconteceu en marzo, e máis tarde o ministro dera o permiso para apertura parcial (unhas horas ao día) do paso en Baltar e Calvos de Randín. Agora estamos agardando  unha decisión que sexa satisfactoria para os intereses comúns de Montalegre e de Baltar.

Canta xente está afectada?

Hai 50 traballadores de aquí traballando en Ourense. Hai que ter respeito por eles e por quen lles está a dar traballo, polas empresas de Galiza que dan traballo aos portugueses. Por iso lle dixen iso ao ministro e espero que en tres días poidamos ter unha audiencia para falar estas cousas e solucionar o problema.

Mentres non haxa solución, cal é a alternativa?

A fronteira mañá (por hoxe) estará cerrada e os traballadores terán que pasar por Chaves e Verín para ir até á Limia. A Cámara de Montalegre está disposta a, se non se permite pasar a traballadores, pagar un taxi de Baltar que todos os días veña buscar os nosos concidadáns á fronteira, sempre que a Guarda Republicana autorice a pasaxe a pé. Se non pode pasar un coche, que polo menos pasen as persoas. 

Irían en coche até a fronteira e pasarían a pé ata ser recollidos por un taxi?

Esa é a segunda alternativa que se propuxo aos servizos de control de fronteira, da que tamén estou agardando a resposta. Precisamos o permiso dos gardas, mais se hai bo senso, isto ten que ter unha solución sinxela. 

A Xunta de Galicia tamén pediu unha solución a este respecto.

Iso é importante, ter un pedido da Xunta é moi importante para nós. Estou convencido de que o ministerio vai autorizar, pero demorará uns días. 

Alén diso, como está a situación sanitaria a ese lado da Raia?

Está mal no país, sobre todo na zona de Lisboa, onde está moi mal. Aquí en Montalegre non temos grandes situacións de risco. Polo contrario, hai normalidade, se ningún caso de internamento. Pero Lisboa e o sur do país está moi mal, sobre todo relacionado con transporte público. Aquí estamos mellor. Esta é unha das vantaxes de vivirmos no mundo rural. 

Te puede interesar