OURENSE

Carlos Casares xa ten a súa propia biografía

Denís Vicente é o autor da publicación, que amosa en 64 páxinas o compromiso do escritor limiano con Galicia e a súa faceta de narrador

"Internet é o polen, anda polo aire, e o libro é a mel. O problema é que agora falta xente que faga como as abellas e transforme o polen en mel". Así presentou o editor Bieito Ledo a primeira biografía que se publica sobre Carlos Casares, feita por Denís Vicente.

O libro contou na súa presentación social no Liceo coa presencia do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; co autor do libro, Denís Vicente; o responsable da Editorial Ir Indo, Bieito Ledo; o irmá do escritor ourensán, Xabier Casares, e con Afonso Vázquez Monxardín e Luís González Tosar.

Pola mañá, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na posta de largo do libro. Destacou a colaboración da institución provincial coa Fundación Carlos Casares porque, dixo, “representa a posta en valor dun referente da ourensanía e dun dos grandes escritores da literatura galega, que soubo conectar directamente coas sensacións e o sentimento”. Baltar salientou que Casares “merece unha homenaxe permanente polo seu compromiso coa nosa terra, coa nosa lingua e coa nosa cultura, e todos temos a obriga de seguir difundindo a súa obra”.

Esta biografía, obra de Denís Vicente e publicada pola editorial Ir Indo dentro da colección “Galegos na Historia”, titúlase "Carlos Casares. Compromiso con Galicia", e recolle en 64 páxinas “a visión dun Carlos Casares narrador pero dinamizador cultural, solidario e un home que lle prestou moita atención á literatura infantil”, segundo destacou o presidente da Fundación e irmán do escritor, Xabier Casares. “Carlos sempre dicía que Galicia era unha suma de corazóns, non un simple trazo no mapa, e que todos xuntos debemos loitar para que non se esqueza a nosa cultura e a nosa lingua”, afirmou Casares.Esta colección inclúe biografías de 41 ilustres persoeiros, 14 deles de Ourense. A Diputación entregou a Fundación unha subvención de 30.000 euros para suas actividades. O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, loou na súa participación no Liceo, a figura de Carlos Casares como “gran renovador da nosa narrativa” e dixo sentirse privilexiado de participar nun acto que “ten moito de lembranza e de homenaxe; de admiración renovada por un creador que animou, cunha enerxía portentosa , a imaxe cultural de Ourense e de Galicia, para se facer o seu espazo como escritor libre de límites e fronteiras”.

Te puede interesar