OUFF

Os proxectores están a punto para un OUFF de récord e con acento ourensán

<p></p>
photo_camera Parte do equipo do festival traballa onte no Auditorio na montaxe de proxectores e preparación dos últimos detalles para a inauguración, este xoves ás 21,00 horas.

Elaborado en 7 semanas tras ser rescatado pola Deputación, inicia mañá unha intensa programación para todos os públicos

 

"Andamos a contrarreloxo!", di un dos traballadores do Ourense Film Festival, que onte colocaba os impresionantes proxectores listos para dar luz a preto de 70 traballos cinematográficos de 17 países en cinco localizacións da cidade. Auditorio, Teatro Principal, centro cultural Marcos Valcárcel, Cineclube Padre Feijóo e, por primeira vez, o Liceo, celebrarán o cine cun brinde que este ano case non se produce.

O tempo récord do equipo nos últimos días vai acorde coa edición 23 que rescatou a Deputación de Ourense coa coordinación da Fundación Carlos Velo. "Estamos traballando como cabróns", dicía nunha entrevista o coordinador artístico e vicepresidente da fundación, Miguel Anxo Fernández. Sete semanas para facer un festival. "É ano de transición, pero semellará que o OUFF custou cinco veces máis", aseguraba. E o que hai é moita ilusión e moito de Ourense.

O documental improvisado do músico vasco Kepa Junkera que mira nas entrañas do Entroido inaugura o OUFF. "Mar de terra", co ourensán José Blanco na dirección, xurdiu sen guión. As amizades do bilbaíno na terra da chispa trouxérono unha vez máis aquí, nunha viaxe dunha semana por Laza, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Verin, Vilariño do Conso, Santiago de Arriba, Manzaneda e Salcedo. Unha ventá para ver a maxia que tamén ten a terra "sen mar" e para abrir o camiño dun OUFF de primeiras veces.


Ourense na sección oficial


Entre as novidades está a primeira película rodada en Ourense que competirá na sección oficial. "Tódalas mulleres que coñezo", de Xiana do Teixeiro, bota á rúa ao espectador para retratar con autocrítica as vivencias de mulleres diversas nunha sociedade masculinizada e violenta . Concursan con ela nove películas máis, premiadas en festivais como Cannes, San Sebastián, a Seminci ou a Berlinale; outras vivirán en Ourense a súa estrea europea. Destaca "Memorias dun home en pixama", de Carlos Fernández Vigo, o primeiro traballo de animación que participa no OUFF tras 22 edicións.


48 horas para facer cine


Fas Muvis é unha das novas da edición: 48 horas para que mozos menores de 28 anos roden unha pequena peza con Ourense como escenario e protagonista.

En pequeno formato tamén veñen as 24 curtas de creadores galegos que competirán en "OUFF en curto".


Miradas en feminino


Unha das seccións paralelas, "En Feminino", vai adicada ao cine feito e protagonizado por mulleres.

Hai oco para o cine euroárabe co ciclo "Amal e ruta" e unha homenaxe a Ingmar Bergman polo centenario do seu nacemento, con varias proxeccións deste cineasta sueco durante todo o festival. A televisión tamén será protagonista na pantalla por primeira vez no OUFF. O público verá os primeiros capítulos de dúas series da TVG que tamén están filmadas na provincia: en Ourense e no Ribeiro. "Lobos e cordeiros" e "Os Mariachi".


Os premiados


Os vinte anos de carreira dun dos actores galegos máis internacionais, Luis Tosar, levarán o premio "Cidade de Ourense". Mabel Rivera, recoñecida por ser unha das protagonistas da serie "Pratos Combinados" e gañadora dun Goya tralo seu traballo en "Mar Adentro", recibirá o galardón da Fundación AISGE á súa traxectoria. E o premio máis antigo, o Calpurnia de Honra, será para o cineasta ourensán Xabier Bermúdez, do que se proxectarán varias películas durante todo o festival.

A creatividade dos pequenos repetirá no OUFF Escola, que cumpre nove edicións neste festival de primeiras veces. 

Te puede interesar