O PSOE de Os Blancos denuncia o corte de auga potable dende o luns pasado

A Agrupación socialista fixo de altavoz dos numerosos veciños que se queixan do corte no suministro da auga

Emilia López Blanco, portavoz socialista no Concello de Os Blancos, faise eco das numerosas queixas dos veciños e veciñas que levan padecendo un corte no subministro da auga potable que xa dura dende o pasado luns 12 de setembro.

Dende o 15 deste mes, levan festexando a celebración da Virxe das Dores, cos atrancos que a falta de auga conleva para a hostalería e as familias que reciben aos seus convidados/as. De todos os xeitos, tal como denuncian dende o PSOE, a situación é o suficientemente grave xa no día a día, á marxe de celebracións, posto que os veciños e veciñas carecen de auga para beber, asearse e cociñar. Asemade, ao despropósito de levaren tantos días sen un servizo prioritario e fundamental, únese a total desidia por parte do Alcalde do Concello, quen non diu explicación algunha á cidadanía e ofrece a calada por resposta. Supónse, tal como relatan os socialistas, que hai unha avaría que impide o subministro da auga corrente pero non hai unha explicación oficial nin se publicou Bando de Alcaldía algún nin se anunciaron medidas.

Dende o Grupo socialista no Concello de Os Blancos coidan que se trata dunha deixadez absoluta de funcións por parte do Alcalde do PP. Están a estudar, de feito, a asunción de medidas legais en contra dunha actuación denigrante para co pobo que gobernan, deixando á cidadanía sen un dos servizos máis básicos. Non houbo, nin tan sequera, por parte do goberno municipal, un anuncio de restricción, onde se deixen unhas horas de subministro á veciñanza para poderen levar a cabo funcións básicas e, tampoco, houbo a intención de pedir axuda para paliar esta grave situación. É por isto que, o luns vindeiro, os socialistas van rexistrar un escrito perante o Concello esixíndolle que realice as xestións oportunas para reverter esta penosa situación e devolverlle o servizo de auga corrente ao pobo. Non é de recibo, declara Emilia López, que o Alcalde non pedira axuda á Xunta ou á Deputación para que mandasen un camión-cisterna que puidese aliviar a falta absoluta de auga potable.

Te puede interesar