UNIVERSIDADE

Manuel Reigosa: "Queremos ser a universidade con máis alumnos da comunidade galega”

fn_5782D
photo_camera Manuel Reigosa, reitor electo da Universidade de Vigo.

O profesor de Bioloxía na Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, cabeza de lista da candidatura de Horizonte 2040, será o novo reitor da Universidade Sur -que agrupa os Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense-, tras gañar as eleccións celebradas este luns

O profesor de Bioloxía na Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, cabeza de lista da candidatura de Horizonte 2040, será o novo reitor da Universidade Sur -que agrupa os Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense-, tras gañar as eleccións celebradas este luns por 2.534 votos fronte aos 1.685 do seu rival Emilio Fernández, que lideraba a candidatura de Ideas que Suman. 

Cales serán as liñas mestras deste mandato?

O noso obxectivo é gobernar do modo máis participativo posible e para iso imos potenciar tanto os consellos de Campus como a presenza do claustro, que son órganos de goberno que cremos que non se desenvolveron o suficiente. Tamén pretendemos desenvolver para poder ampliar o cadro actual de persoal nos tres campus, porque consideramos que hai unha clara necesidade de persoal, tanto administrativo como docente en determinadas titulacións.

En canto á autonomía dos Campus da Universidade de Vigo?

Avogamos pola descentralización, en primeiro lugar coa posta en marcha da administración electrónica que esperamos ter en marcha o próximo mes de outubro. É algo que está determinado por lei e que no caso da Universidade de Vigo viñamos arrastrando un importante atraso neste importante aspecto que pretendemos cerrar canto antes. Por outra banda, pretendemos facer unha proposición de novas titulacións tanto de xeito presencial como de xeito semipresencial para abrir o abano a aqueles alumnos que non poden adicar a totalidade do seu tempo ao estudo, porque traballan, por exemplo. Tamén fomentaremos esas titulacións entre o potencial alumnado estranxeiro, en especial o que poidamos captar nos países sudamericanos, que son os que temos máis próximos e que abren unha importante posibilidade de incremento do alumnado. Porque precisamente este, o do aumento do número de alumnos, é outro dos obxectivos que nos marcamos. De feito, aspiramos a ser a universidade galega con maior número de alumnos. Nestes catro primeiros anos pretendemos alcanzar un incremento dun 5% no noso alumnado, aínda que sabemos que non será fácil polo descenso da natalidade que está  padecendo a provincia de Ourense; de aí a importancia de captar ese alumnado procedente do estranxeiro.

E en canto á especialización dos Campus?

Nós temos xa unha serie de especializacións claras aprobadas pola Xunta e agora o que queremos é promover novas titulacións, que solicitaremos ao goberno autonómico, pero que non queremos que sexan, como xa dixemos durante a campaña, meras titulacións sen máis senón que estean perfectamente relacionadas con cada unha desas especializacións que xa se están desenvolvendo nos tres campus da Universidade de  Vigo para crear sinerxías entre elas.

 Como valora a afirmación de Emilio Fernández, o seu rival nestas últimas eleccións, de que levarán a cabo unha oposición construtiva?

Teño que dicir que eu, que estiven varios anos na oposición valoro moi positivamente esa actitude, aínda que sei que exercer oposición é contrastar sempre outros puntos de vista.

Que ofrecerá ao alumnado o seu equipo de goberno nestes próximos catro anos?

O noso principal obxectivo será que os alumnos participen máis nos órganos de goberno e tamén nas delegacións de estudantes, ás que queremos dar impulso porque entendemos que están, en máis dun caso, paradas ou sen o uso que deberían ter. Por outra banda, cremos tamén que o Consello de estudantes ten unha gran oportunidade de negociar coa reitoría diversos aspectos que son do seu interese. Porque un dos nosos intereses é abrir este reitorado á negociación a través dos diversos órganos de goberno, algo que ata agora non era posible co anterior equipo de goberno. Finalmente, queremos fomentar o asociacionismo entre o estudantado, en tareas de voluntariado e outros aspectos, que os xóvenes participen máis e tamén que aporten máis a través dos diversos canais que poden atopar na propia Universidade.

E en canto ao incremento de prácticas por parte do alumnado universitario en empresas da contorna?

Neste caso, nós estamos relativamente satisfeitos do traballo realizado durante estes anos polos distintos decanatos e consideramos que hai unha boa bolsa de prácticas en empresas. En todo caso, a nosa aspiración é ampliar esta bolsa de prácticas e niso imos traballar, para que todos os alumnos poidan contar con experiencia nas súas distintas especialidades.

Unha das demandas do campus de Ourense é a referente ao déficit de profesorado en Enxeñaría Aeronáutica.

Aí temos un compromiso que xa expresamos durante a campaña. Xa se iniciaron negociacións por parte dos responsables da titulación con docentes de cara á súa contratación para o ano que vén e pola nosa banda pretendemos seguir traballando para ampliar esa nómina de profesores de primeiro nivel para esta titulación, que sabemos que é unha das máis atractivas para o alumnado.  En canto ao Campus da Auga, queremos potencialo e estamos esperanzados de que o conseguiremos. En todo caso, non é a única titulación destacada do Campus de Ourense. Recordemos que dentro do ránking de Shanghai de titulacións e campus do mundo, a de Tecnoloxía dos Alimentos do Campus de Ourense sitúase entre as 55 mellores do mundo.

Te puede interesar