"Quería ser médico para curar a Cuevillas"

photo_camera Mesa do acto na lembranza de Elvira Cuevillas.
O pasado 9 de maio celebrouse un acto dedicado a Elvira Cuevillas, toda unha homenaxe para a gran muller que fisicamente nos deixou o ano 2013

Saben que lle profeso unha especial admiración a Florentino Cuevillas, o prehistoriador e arqueólogo ourensán que sentou as bases metodolóxicas da arqueoloxía en Galicia. A súa memoria e as anécdotas con el relacionadas, aparecen cando menos as agardamos, e hai pouco vivín unha. O pasado 9 de maio celebrouse no Liceo de Ourense un acto dedicado a Elvira Cuevillas, toda unha homenaxe para a gran muller que fisicamente nos deixou o ano 2013. Como ben reflectiu o evento, todos os presentes tiñamos a sensación de que segue repartindo sorrisos pola rúa, que encontrarémola de súpeto en calquera lugar do seu querido Ourense.

Dende o estrado do Salón Noble, Delfín Caseiro guiou unha emotiva reunión, non todos coñecidos entre si, pero das que Elvira é un nexo indisoluble. Con el na mesa había tres persoas: a arquitecta Elvira Carregado, a Dra. e escritora Stella Estrada, e a súa sobriña, a profesora Margarita Tovar López Cuevillas. Xuntas relataron o perfil profesional e humano de Elvira, ocasional e delicadamente acompañadas por Luis Humberto Cao, que foi pianista do Gran Hotel da Toxa. Dende o público interviñeron María Pilar Charro, cun poema dedicado a Elvira, e o médico Carlos Guitián, que rememorou cando ía á súa casa a preparar a Reválida con Florentino Cuevillas. Contou emocionado un anhelo que tiña entón e que me impresionou: “quería ser médico para curar a Cuevillas”. O prehistoriador vivira afectado polo reuma, un mal que non adoita levarse ben cos arqueólogos. Por suposto todos os afectados a sofren por igual, e nos non estamos feitos doutra pasta. Pero os arqueólogos sempre necesitamos do contacto coa terra, co territorio, cos xacementos. En certo modo parecémonos a Anteo, fillo de Poseidón, deus do Océano, e Xea, deusa da Terra. No duro combate que mantivo contra Hércules, Anteo minguaba a forza cando o robusto semideus conseguía levantalo do chan. Debilitábase cada vez que perdía o contacto coa terra, a súa nai Xea. Hércules decatouse e, con astucia, derrotouno erguéndoo ata a extenuación. Aos arqueólogos ocórrenos algo semellante. A nosa forza teórica afrouxa se non procuramos os datos sobre o terreo, cando non extraemos a información nos xacementos.

Efectivamente, Cuevillas veuse moi limitado pola doenza reumática. Pero a tenacidade o empurraba por riba de todo. Máis algo non concorda. Dise que unha vez prostrado pola enfermidade comezou a escribir os frutíferos os traballos de síntese. Conta a súa familia que deixou de saír ao campo aproximadamente aos cincuenta anos, o que acontecería a finais da década de 1930. Pero a súa gran primeira obra de síntese da prehistoria de Galicia, en autoría compartida con F. BouzaBrey, publicouse en 1929, “Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza”, cando Florentino tiña 43 anos. De seguido, en 1931 e 1933, publicou outras dúas sínteses: “La Civilización Neo-eneolítica gallega” e “Estudos sobre a edade do ferro no Noroeste da Península Ibérica”, o primeiro tamén con Bouza-Brey e o segundo co investigador portugués R. Serpa Pinto. Todas son un sabio e perspicaz combinado de traballo de campo con lecturas sobre a arqueoloxía punteira daqueles momentos. Como ven, Cuevillas xa mostrou a súa capacidade de comprender e sintetizar o noso pasado antes da forzosa limitación física, seguramente un martirio para un arqueólogo que se nutriu fundamentalmente dos xacementos. Que ben houbera sido que, pese á diferenza xeracional, o Dr. Guitián cumprira o desexo de curar a Cuevillas. Sen dúbida multiplicaría o seu frutífero legado, que baseou nas fértiles prospeccións e escavacións arqueolóxicas.

Te puede interesar