Rafael Rodríguez Villarino: "O PP está na vía de darlle unha saída a nosa cidade"

Rafael Rodríguez Villarino é o voceiro do PSOE no Concello de Ourense

Rafael Rodríguez Villarino, voceiro socialista no Concello ourensán, cre que a situación da cidade é “insostible”. Por iso, trala ruptura hai catro días do goberno de coalición entre DO e PP, anunciou  a súa intención de presentar unha moción de censura.  A iniciativa só pode ir adiante co apoio dos populares, agora liderados por Manuel Cabezas. “Os contactos que tivemos apuntan nunha boa dirección”, di.

Foi a saída do PP do goberno da cidade polo que retomou a idea da moción de censura?

Máis que pola saída é pola situación na que queda a cidade. Agora houbo unha expulsión dun grupo maioritario e únicamente quedan catro concelleiros á fronte dunha alcaldía, o que é insostible.

Teme unha parálise da cidade?

É a falta de consistencia dun goberno que xa no seu momento estaba formado por dúas forzas que semellaban non ter conexión entre elas pero que tiñan persoas suficientes para poder sacar adiante o Concello. Agora quedan 4 edís como responsables de tódalas áreas. As repercusións serán terribles.

Como valora que Jácome asumira 11 das 17 competencias que posuía o PP?

É inviable. Penso que unha persoa no seu sano xuízo non asumiría de xeito tan inconsciente tantas responsabilidades ao mesmo tempo. Coido que calquera que estivera á fronte da alcaldía non daría ese paso porque é unha irresponsabilidade.

Comezaron xa as negociacións cos demais partidos?

Son contactos informais máis ca negociacións en sentido estrito. Teño que dicir que os grupos cos que falei son todos favorables. Só falta a peza principal do crebacabezas, que é o PP, co que non houbo un contacto directo cunha proposta concreta pero si hai tomas de contacto que apuntan nunha boa dirección. Con todo, non hai nada formalizado, pero si contactos que parecen ir todos na mesma liña.

Araújo, de Ciudadanos, xa deu o si, ao contrario do BNG?

Falei na rúa con Luis Seara. Comentoume que, en principio, era un pouco escéptico con esta posibilidade pero que se fixera falla o apoio do BNG, ía estar aí.

Entón votaría favorablemente a un alcalde alternativo?

Entendo o seu escepticismo inicial, pero cando viu que é unha posibilidade a explorar, pois di que, chegado a ese caso, apoiarán cos votos do BNG.

Para negociar esta moción de censura, o PSOE ten que ter unha proposta base sobre a que comezar a negociar cos grupos. Podería detallar algún dos puntos?

Díxeno antes e sostéñoo agora. Se é unha oferta de diálogo, creo que, aínda que teñamos unha posición de partida -que si existe- non creo que sexa bo dalo a coñecer; porque se despois esa proposta finalmente sae adiante, calquera podería pensar que se coarta a súa participación e cremos que non é momento de posicións fortes nin confrontacións.

Quen debería ser o candidato a alcalde? Vostede? Alguén do seu partido? Mesmo un candidato alternativo como podería ser Araújo?

É un debate no que tampouco quero entrar. Prefiro que ese nome naza do diálogo, porque significará que é produtivo.

Entón, que pasaría se desas conversas nace facer rexedor a alguén do PP?

Sería contradicirme se vou cunha posición preconcebida. O que si é certo é que esta solución debémola buscar entre todos, ou polo menos entre a maior parte. É inadmisible a situación na que está hoxe a cidade. Agora o PP ten a oportunidade porque os seus votos son imprescindibles para que a moción vaia adiante, e por iso imos ofertar tódalas posibilidades para que sexa unha realidade.

Poden afectar as críticas deste xoves de Formoso ao PP?

En absoluto. El manifestou un sentir, pero non a posición do Partido Socialista. O secretario xeral é partidario de darlle unha solución a Ourense. As súas palabras reflicten a frustración da xente da cidade. En ningún caso se vai opoñer a calquera acordo. Quero pensar que esta cidade ten un presente e un futuro se todos poñemos algo da nosa parte. O PSOE sempre ofertou esa posibilidade, sen froitos no pasado, pero pensamos que si o pode ser agora.

Empezará agora esta esperanza? Ou dentro de 10 meses?

En 10 meses será o resultado dunhas votacións que veremos en que resulta. Agora si sería unha esperanza porque é algo posible que depende de nós.

Como valora as declaracións do alcalde de que o mandato “está terminado”?

É inadmisible dicir algo así. O que creo que quería dicir el é que a súa fin está próxima, porque vía que ía romper o grupo de goberno e para el si está rematado, pero non para a cidadanía. É moi irresponsable, coma dicir que catro persoas poden levar “perfectamente” todas as áreas dunha cidade coma Ourense. 

Celebra o cambio de postura do PP ante a moción de censura?

Por suposto. As outras posicións son negativas non para nós, senón para a cidade. Estamos satisfeitos con ese cambio que cremos real. Non é unha cuestión para saír do paso senón que ten visos de que se convirta en realidade.

Cre que esta moción de censura prosperará?

Coido que si. Ten posibilidades. Depende de nós, e dende o PSOE imos dalo todo para que sexa realidade. E vemos que o PP atópase nunha vía para darlle unha saída á cidade antes das eleccións.

Te puede interesar