Raigame incorporará espazo ós artesáns actuais

Antonio Mouriño, Mariló Fernández e Manuel Baltar. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A Romería Etnográfica Raigame chegará o vindeiro 17 de maio á súa undécima edición convertida en Festa de Interese Turístico de Galicia. Un ano máis, coincidindo co Día das Letras Galegas, Vilanova dos Infantes rendirá homenaxe ós oficios e á cultura tradicionais nunha festa multitudinaria que onte foi presentada na Deputación por Mariló Fernández, directora do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo; Antonio Mouriño, alcalde de Celanova, e Manuel Baltar, presidente da Deputación -as tres entidades organizan a romaría-.
Entre as novidades desta edición, Fernández Senra salientou a ubicación dos artesáns por gremios, de xeito que os cesteiros estarán na praza do Recreo, os oleiros, na do Balcón; os oficios vencellados ó calzado, na da Torre; os de instrumentos musicais, na do Castelo e as palilleiras, na Praza Maior. Haberá tamén lugar para os artesáns actuais, cunha mostra no campo da antiga escola de Vilanova. Ademais, uns 25 grupos de música e danza darán ledicia a unha festa que, en todo caso, ten nos veciños da localidade un importante motor. Eles levaron o ano pasado o premio 'Xan de Barros', que este ano recaerá no programa da TVG 'Alalá' por axudar a 'colocar a romaría no mapa cultural galego', segundo sinalou Mouriño.

Para o alcalde de Celanova, 'a romaría está consolidada. Todos estamos facendo un gran esforzo para que non decaia'. Pola súa banda, Manuel Baltar amousou o apoio 'contundente' da Deputación a Raigame, que convirte a Vilanova dos Infantes en 'capital da etnografía en Galicia ese día'.

Te puede interesar