GALEGUISMO

As reivindicacións espertan a "nova" conciencia galeguista

Amalia Bóveda, diante do cadro de Castelao e dun escrito de Rodolfo Prada, no Pazo Provincial (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Amalia Bóveda, diante do cadro de Castelao e dun escrito de Rodolfo Prada, no Pazo Provincial (XESÚS FARIÑAS).

A declaración do Día de Galicia Mártir e o centenario de Nós perfilan a recuperación da memoria

A chegada do cadro de Castelao "A derradeira leición do mestre" a Ourense é un impulso para espertar a conciencia galeguista que agromou, nos seus inicios, precisamente aquí. En Auria. No horizonte perfílase o centenario da xeración Nos–2020–, o grupo de escritores fundou a revista do mesmo nome. Elevaron a cultura galega ao máis alto persoeiros como Castelao, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas. Dende unha publicación que se imprimiu nos obradoiros de La Región. O compromiso coa causa galeguista desde o diario ourensán determinou tal feito. Pero a historia do galeguismo agocha moitos ilustres, "bos e xenerosos", dos que se empeza a reivindicar o seu nome.

Alexandre Bóveda, o mestre fusilado, era ourensán e un dos lectores da Revista Nós. Segundo Castelao, foi o motor do Partido Galeguista. Rodolfo Prada Chamocín, cuxas cinzas repousan no mesmo lugar–antiga biblioteca do Pazo Provincial–que se exhibe o cadro do galeguista fusilado, tamén levou o idioma e a cultura á quinta provincia. "Castelao e Prada: irmaus!" se chama a exposición arredor de "A derradeira leición do mestre". Todos os intelectuais galegos foron "irmaus" de ideoloxía, aínda que as correntes discrepasen nalgúns casos. O galeguismo acendeu un importante facho na emigración a América Latina. No exilio naceron partidos, revistas, colectividades... Todos en prol da terra e do idioma. Ese que esmorece coa pérdida de falantes na actualidade. Reivindicar o pasado é o obxectivo das fundacións e asociacións en honor a estes intelectuais. "Non podemos quedar de perfil. Hai que poñer en práctica as leccións", di Amalia Bóveda, a única filla viva de Alexandre Bóveda.

Precisamente da fundación que leva o nome do mestre galeguista nace a reivindicación do día de Galicia Mártir. Explícao o neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda: "O contexto vai mudando e as administracións entenden que se pode falar de represión e non pasa nada. Reactivamos esa petición e a seguinte liña é levala ao Parlamento galego. A memoria pode deixar de ser partidista, aínda que tamén é complicado porque hai grupos que non quixeron saber nunca nada dela. Pero creo que non imos atopar mellor contexto ca este", conta.


Día de Galicia Mártir


A Deputación provincial xa confirmou que levará ao pleno a institucionalización deste día de Galicia Mártir, o 17 de agosto. "Cremos que facemos xustiza. É unha forma de fortalecer o sentimento galeguista, a nosa identidade. Pedimos ao Parlamento que faga realidade determinados acordos. É unha cuestión de dignidade", apunta Baltar, que asegura que o ente ourensano se identifica coa "ialma' de Galicia, polos galeguistas que fixeron do amor a Galicia a súa razón de ser". Galeguismo sen "epítetos nin apelidos", reivindica o presidente da Deputación.

O Día da Galiza Mártir,–a data escolleuse polo día no que foi asasinado Alexandre Bóveda en honor aos mártires que defenderon o galeguismo–xunto á celebración do centenario do grupo Nos, é a nova esperanza para espertar a "conciencia galeguista" en Ourense.

O centenario de Nós será unha oportunidade para reflexionar sobre os desafíos aos que se enfronta a cultura galega na actualidade. Unha exposición e un congreso internacional van dando forma aos actos oficiais que no 2020 homenaxearán a este grupo de escritores que elevou o galeguismo noutros tempos. Pero para que o sentimento perdurara. Non podemos traizoar a memoria. 

Te puede interesar