O traballo de restauración do Pórtico do Paraíso da Catedral de San Martiño comezou hai tres semanas da man dun equipo de expertas en conservación e restauración de bens culturais

Renace o Pórtico do Paraíso

A restauradora María Dolores Lago Arce traballa na pintura do muro sur do Pórtico do Paraíso. (Foto: FOTOS JOSÉ PAZ)
María Dolores Lago Arce e María Isabel Vázquez Rodríguez, tituladas en Conservación e Restauración de Bens Culturais, conforman o equipo de profesionais que foi elixido, de entre os seis grupos que optaban, para a restauración do Pórtico do Paraíso da Catedral de San Martiño de Ourense. Despois de máis de 15 anos de experiencia ás súas costas, o seu aval é a lista de obras que figuran no seu currículo, levadas a cabo na provincia de Lugo na súa ampla maioría, como como o retablo maior da igrexa de Santiago de Miraz, en Friol, o da igrexa das Negradas, en Guitiriz, ou o de San Martiño de Lanzós, en Vilalba.
O Pórtico do Paraíso está composto por a zona escultórica e os muros laterais -sur e norte-. O muro norte está formado por un paramento policromado, baixo o que se sitúa o retablo de San Francisco Blanco, e o sur está formado tamén por unha policromía e polo retablo da Virxe do Belén. O proceso de restauración comezou hai tres semanas e, na actualidade, as expertas en conservación atópanse na fase de limpeza, centrándose no óleo do muro sur -de principios do século XVIII- que 'está bastante deteriorado porque había moitos cravos sobre a policromía e moita suciedade', segundo explica María Dolores Lago.

Lago explicou que, posteriormente, centraranse na reparación e limpeza do retablo da Virxe do Belén e iniciarán o proceso de conservación do retablo do muro norte, o de San Francisco Blanco. Tras esta primeira fase, dará comezo o estudio analítico de patoloxías da zona escultórica do pórtico e do paramento policromado do muro norte, 'que é o que está en peor estado, xa que hai unha franxa de humidade moi importante, como consecuencia dunha filtración na Torre das Campás'.

A restauración do Pórtico do Paraíso está financiada pola Consellería de Cultura, cun presuposto aproximado de 48.000 euros, ó que hai que engadir os estudos que se van desenvolver (analítica de pigmentos, termografías ou un estudio en 3D). Estas dúas profesionais agardan rematar o labor de restauración e conservacíon no vindeiro mes de xaneiro.

Te puede interesar