Diarios do pasado

Restos arqueolóxicos na rúa

Sillar almofadado na parede do Museo Arqueolóxico.
photo_camera Sillar almofadado na parede do Museo Arqueolóxico.

A obra pública é quizais o mellor indicio para coñecer o grao de urbanización dun xacemento arqueolóxico. Máis aínda, para valorar a súa condición de cidade. Esta obra ten por obxecto bo funcionamento da vida en sociedade, e maniféstase especialmente nos núcleos urbanos. Os servizos que promoven as autoridades atenden a necesidades que se materializan en obras de enxeñería, caso das pontes, ou dos sistemas de abastecemento de auga e saneamento (como acuedutos ou sumidoiros), ademais de edificios públicos civís e relixiosos. Desafortunadamente, eses vestixios son aínda verdadeiramente escasos en Ourense, reducíndose a restos illados e a indicios. Evidentemente a Ponte Vella, tradicionalmente considerada de orixe romana, non entraría neste inventario, posto que dista algo máis dun quilómetro da cidade primixenia. O caso e que dando unha volta pola zona histórica, vostedes poden ver algún vestixio do que lles estou falando. Na parede do Museo Arqueolóxico que limita con Hernán Cortés, ademais doutros restos que lles comentarei noutra ocasión, aparece dous perpiaños romanos almofadados, cun aceptable estado de conservación. Foron reutilizados nas últimas reformas do Pazo Episcopal, antes de ser museo, recolocados sen que saibamos con certeza de onde foron extraídos, aínda que probablemente non debeu de ser lonxe.

Tales perpiaños son característicos da obra pública romana, acaso un indicio da súa existencia. Ademais, a estes, engadimos outros que, iso si, foron aparecendo no decurso das escavacións arqueolóxicas. Foi o caso dos descubertos no xardín e no portal do museo. Moito máis certeiros son os restos dunha cimentación monumental, quizais dos séculos III-V d. C., no interior do mesmo edificio. Moi cerca, na praza da Madalena, descubríase un muro con boa calidade e perpiaños almofadados que puidera ter pertencido a un edificio público de rango importante. Tampouco debemos esquecer outros semellantes que se atoparon nas escavacións do solar do IES Otero Pedrayo (solar Pompeo) ou o que apareceu noutro solar da rúa de Julio Prieto, tamén en niveis arqueolóxicos romanos. Pero existen máis restos de obra monumental que si poden visitar. Trátase dunha cimentación que se conserva no Centro Cívico e Social de Colón-Cervantes, no pasadizo que comunica as dúas rúas. Parece que puido formar parte da plataforma dun gran edificio público. Polos datos da escavación sábese que é da etapa romana, aínda que non foi posible precisar a súa antigüidade exacta. Localizábase, ademais no centro topográfico da distribución dos restos romanos da cidade. Posiblemente puideramos engadir outros indicios de edificios monumentais ou de obra pública, pero sen poder precisar unha función concreta. A zona Museo Arqueolóxico-A Madalena concentra achados cunha evidente calidade edilicia. Forman un conxunto que aos citados perpiaños e á cimentación monumental, engade capiteis, inscricións ou teselas de mosaico, o que quizais indique a antiga existencia dunha edificación de alto rango. Algunhas destas pezas son de mármore, principalmente fustes e basas de columnas, como os reaproveitados na fachada da igrexa de Santa María Nai. Os capiteis, poderían ser romanos, dos séculos III e IV, e non tanto da hipotética catedral sueva, que sería máis tardía.

En fin, ás veces á arqueoloxía sáenos ao paso na rúa cando menos o agardamos, reclamando a nosa atención. E é función dos arqueólogos dar a coñecer eses restos que aparecen sen contexto, explicándoos á par das escavacións que facemos na cidade.

Te puede interesar