A Miteu levaba días quentando motores para, dende o primeiro minuto da XVIII edición, ofrecer teatro para tódolos gustos. O humor foi protagonista na rúa, no Teatro Principal e no Auditorio.

O ritual do teatro cambia de cor o ánimo dos cidadáns

Os actores de Rosaura concluíron o acto inaugural vestidos de chamativas cores de festa. (Foto: FOTOS: XESÚS FARIÑAS)
Ourense ten os seus propios rituais.
E hai un que se repite dende hai anos cando o calendario di que toca primavera, porque aínda que o tempo non acompañe, a Mostra Internacional de Teatro Universitario nunca falta á súa cita. Onte cumpriu a maioría de idade anunciando a súa chegada 'Entre lusco e fusco', unha alegoría dos tempos que vivimos e que tamén lle deu título ó número inaugural. Por iso -e tamén porque era noitiña xa cando os 'teatreiros' percorreron a Rúa do Paseo-, o grupo Rosaura do Campus tratou de mudar a cor gris dos ánimos cidadáns por cores máis alegres que axuden a gozar de 40 espectáculos dos próximos días. Deste xeito transcorreu o tradicional pasarrúas que cada ano inicia a mostra.

Pero os motores xa tiñan quecido o suficiente como para ofrecer aínda máis diversión. Foron poucos os minutos que pasaron dende o remate do desfilee o comezo de 'O asasino é o mordomo' no Teatro Principal, unha peza de humor de comezo a fin na que a compañía Acontrabutaca empregou o absurdo para contar fenómenos paranormais. Na velada nocturna, os Irmáns Lumieira exerceron de anfitrións no Auditorio presentando 'O fantabuloso cine ambulante', un proxecto co que percorren o mundo amosando o descubrimento da sétima arte con música e humor.


A POLÉMICA

Estaba previsto que hoxe inaugurara a xornada a conferencia 'As outras realidades de Tunisia', pero os problemas cos visados non permiten que o grupo visite Ourense. Segundo contan os responsables da Miteu, as autorizacións foron denegadas porque os actores 'non tiñan cartos suficientes que garantan o regreso ó seu pais'. Non tiveron en conta -ou non quixeron ter- que as viaxes corren na conta da mostra. Con mágoa pero mantendo o establecido, o grupo Cordelia estreará 'Vidal Bolaño 2013' no Teatro Principal (23 horas) e Alba Sarraute fará circo no Auditorio con 'Soy la otra' (20,30 horas).

Te puede interesar