Delegado territorial da Xunta en Ourense

Rogelio Martínez: ‘Baltar pode deixar a presidencia do PP cando o crea oportuno, ten que decidir el’

Rogelio Martínez, no seu despacho da Delegación de Presidencia. (Foto: Miguel Ángel)
Di que o seu nomeamento como delegado territorial non foi un pulso de Feijóo a Baltar, do que destaca que foi 18 anos home da súa confianza. Por eso, Rogelio Martínez cre que o presidente provincial debe ser un referente do PP cando se vaia, aínda que espera a ver que pasará no congreso de outono para decidir os seu apoio. Es quere estar no cargo moi tempo, seguro, di, de que non ten nada que ocultar no ámbito empresarial.
En realidade, por que foi elexido vostede para delegado territorial?

Polo meu propio curriculum. Son unha persoa que adicou toda a súa vida á administración local e a miña experiencia como alcalde e na Deputación foron tidas en conta e valoradas. Tamén son un home de partido de toda a vida, que sempre estivo no mesmo sitio, non anduven con ningún baile en política.

Non foi un pulso de Feijóo a Xosé Luis Baltar?


En ningún caso pode ser eso. Se aposta por mín, sabía que eu era a man dereita de Baltar na Deputación, a persoa que estivo os últimos 18 anos con el e funlle moi leal nese tempo; Baltar cansouse de repetir que confiaba plenamente en mín, polo que creo que son da súa confianza.

Conta entón co seu apoio?


Entendo que si e, dende logo, Baltar sabe que conta comigo para o que poida. Eu represento á Xunta en Ourense e el é o presidente do PP en Ourense; e o PP é o que puxo o Goberno. Por eso estou á súa disposición.

O seu partido prevé un congreso provincial en outono. Cre que Baltar vai finalmente marchar?

Debería facelo? Está claro que dixo que se quería ir e se é así, o que ten é que axudar a que o partido siga a funcionar. Aínda que se vaia, que é unha decisión súa, terá sempre un lugar no PP e debe ser unha persoa de referencia. Pode irse cando o considere oportuno; se debe ou non, ten que decidilo el.

Vaino apoiar se optan el, ou a persona que promova, á presidencia?


Primeiro, hai que convocar o congreso. Cando se faga, veremos se se presenta el, se hai unha soa candidatura, dúas. Pero insisto, como lle escoitei que estaba canso e quería irse, veremos no seu momento se cambia de opinión ou hai outros.

É bó, ou non, que haxa máis dunha candidatura?


Na Coruña, onde o partido se considera unido e sen problemas aparentes, hai dúas candidaturas e non pasa nada. E cando foi o congreso rexional, había ata tres, aínda que logo viuse que dúas ían perder e arrimáronse á que ía gañar.

Pensa que a provincia está marxinada pola Xunta no nomeamento de altos cargos, como sostén ese documento que circula entre os alcaldes? Por certo, como valora esa estratexia?

Primeiro, non, e eso é o de menos; o importante é o goberno; e esta Xunta non está a discriminar a Ourense e, ademáis, aínda non se lle deu tempo para valorar eso. Ó mellor dentro dun ano hai que chamarlle a atención ó presidente pero que agora se poida dicir que Feijóo, que tamén é ourensán, discrimina á súa provincia paréceme demasiado forte. Segundo, é curioso que agora ninguén firmase nada, ninguén escribise a carta e ninguén saiba de que vai; en calquera caso, ese feito non é oportuno.

Pero Ourense merece un trato diferenciado?


Si, e Feijóo xa o recoñeceu, pero ese trato non está en nomear a máis conselleiros ou directores xerais, senon nas políticas que se fagan. Dende logo, a miña misión é comunicar as demandas de Ourense, sobre todo as dos alcaldes, os que mellor coñecen as deficiencias, e vou a revindicar o tratamento que se merece a provincia.

Abúndeme, pois, en como é o seu traballo.


Represento á Xunta en Ourense e coordino toda a política autonómica na provincia e, por conseguinte, a tódolos centros territoriais, antes delegacións; incluso tomas de decisións políticas. Claro que neste momento hai un periodo de incertidume de onde teñen que ir os alcaldes, colectivos, particulares, e todos veñen aquí; esto resolverase en poucas semanas e os asuntos ordinarios trataranse nas xefaturas territoriais, independentemente de que haberá cousas que virán ó delegado. Será máis operativo pero hai que darlle un tempiño.

Que perfil aplicou á designación dos xefes territoriais, porque parece que houbo malestar nalgún sector do PP?

Son nomeamentos dos propios conselleiros e directores xerais, que xa os coñecen. Pero pídeseme a proposta a mín porque son os que os coordino. Intentamos buscar ós mellores profesionais, independentemente das súas afinidades políticos. Home, o que está claramente identificado cun color político distinto ó PP, non ten moito sentido que asuma a xefatura pero hai moitos que non, que votan a quen queren pero traballan ben.

Cales son as súas prioridades neste momento?


Cecais agora non é tan importante arreglar unha carretera como facilitar o emprego ou os servicios sociais. E neste último caso, temos un problema de financiación coa dependencia. A lei é moi bonita pero se non se pode aplicar non serve para nada. Eses son os problemas dos alcaldes.

Precisamente a aportación de fondos da Xunta para contratar desempregados non satisface a tódolos alcaldes. É adecuado ese reparto?

Si e é moi xusto. A cidade, co tercio de parados non ten por que ter un tercio das axudas porque seguramente é máis fácil conquerir un emprego na capital que nun concello rural, sen empresas. Pero vai haber máis reparto de fondos en dous meses e aí Ourense sae moi ben. Tivéronse en conta as percepcións de axudas por obradoiros e o Plan Laxa, por eso agora tocoulles menos a algúns. Nos últimos tres anos, o 80% dos fondos repartíase en 12 concellos, o normal é que agora repartamos entre 92.

Ata que punto lle pode perxudicar o proceso xudicial polos fondos europeos e a súa vinculación con empresas beneficiarias? Ten o respaldo do PP?

Confío na xustiza. Esto naceu nunhas eleccións locais, era unha denuncia política do BNG á que se subiu, catro anos despois, o PSOE. Resolveuse entón declarando o arquivo polo xuiz instructor; a Audiencia instou a finalizar o proceso e agora chamóusenos a declarar pero non teño nada que ocultar. O das empresas e a miña vinculación nunhas ou outras está colgado dende 1991 na web de Agader e, polo tanto, non son máis que gañas de enzoufar. E como non teño nada que ocultar non teño que ter o respaldo de ninguén, só a presunción de inocencia en algo que non é delictivo.

Canto pensa estar no cargo?


Estarei aquí en canto cumpra as expectativas do presidente da Xunta. Se son capaz, espero aguantar o tempo que esté el; e se non o fago ben, o día que mo insinúe quen me nomeou collerei o camiño e ireime.

O PERFIL

Rogelio Martínez, que no seu día foi o alcalde máis novo de España, levan 20 anos adicado á política e 18 na Deputación cáseque sempre coma vicepresidente e portavoz do PP.

Acaba de ser nomeado delegado territorial da Xunta en Ourense, unha responsabilidade que non gustou ó sector baltarista.

Te puede interesar