ENTREVISTA A...

‘A roupa non é unha neceside, é un desexo, e a compra debe ser agradable'

<p></p>
photo_camera Daniel Macía, en la tienda de Alexander Wang en el Soho.

Daniel Macía vende desexo desde Nova York a todo o mundo para unha das firmas de moda máis importantes da última década, Alexander Wang.

É o encargado de facer que a xente adore a súa roupa e sinta a necesidade de comprala. Crear esta emoción é algo extremadamente complexo para o que hai que reunir unha serie de requisitos esenciais: sentido de mercado, do marketing, do deseño e sobre todo comunicar. Ter a capacidade para conectar coas emocións da xente en calquera parte do mundo a través da roupa. No é raro que sexa de Ourense, berce da moda galega. De Verín marchou a Madrid, e doce  anos e tres continentes máis tarde reconstrúe seus pasos para La Región desde a cima da moda en Nova York.

Como arrinca a súa historia?

Todo comezou en Madrid hai 12 anos, e a verdade é que foi algo que non esperaba, unha casualidade. Atopei a miña vocación e descubrín onde estaba o meu talento traballando nunha tenda de roupa. Aí comezou a miña viaxe. Primeiro a Londres, cando tiña 22 anos. De aí marchei a Dubai a traballar para Fendi, da casa de Louis Vuitton, e logo volvín a España, a Barcelona, onde traballei para Inditex. Logo París e agora Nova York.

Como foi esa casualidade?

Pois eu marchei a Madrid a estudar Dereito e Ciencias Políticas e descubrín que non me gustaba, que non era a miña paixón. Eu son unha persoa moi creativa e vía que aquelo non era o que quería, non era a visión que eu tiña de futuro. Sempre quixen viaxar, por exemplo, e sendo avogado sabía que non ía ser posible. Entón comecei traballar nunha tenda de roupa, e a miña manager foi a que me empurrou. 

Está claro que esa persoa atinou ao recoñecer o talento…que viu en vostede nese momento para apostar?

Pois viu que eu facía unha cousa: sabía poñer dúas prendas xuntas e podía facer que a xente se namorara dese look. Que quixeran vir a tenda e mercalo. Todo está no que transmites a través da roupa, esas emocións, esas gañas de querer telo…pois iso foi o que ela viu en min, e desde aí empezou a miña carreira, pouco a pouco, e crecendo desde o nivel máis baixo, porque eu empecei de dependente  ata director.

Ten presente agora que é director en Nova York a época na que era dependente en Madrid?

Si. Non se esquece. Nin debe esquecerse. Eu creo que todos os pasos fanche mellorar. É importante saber como funciona a tenda desde o principio para poder saber como liderar desde arriba. Para saber mandar hai que saber facer. Ese refrán díxomo a miña mai, e é moi importante.

En Nova York xúntanse culturas de todo o mundo. Ata que punto é importante ter viaxado tanto para saber como “xestionar” as diferentes formas de pensar e facer?

É moi importante, canto máis saibas mellor. E que dentro dos propios países as culturas son diferentes. E xa non digamos continentes. Cando estiven en Asia, por exemplo, hai tantas culturas dentro do mesmo continente… Non ten nada que ver un xaponés, cun chinés, cun tailandés, e aquí tes que traballar con todos eles. A través do teu traballo, desde unha oficina en Nova York, tes que conseguir que todos reciban a mensaxe que ti queres mandar e que se adapte a todos eses mercados tan distintos. Por iso é importante ter esa bagaxe cultural e de viaxe. Coñecer eses mercados de primeira man, esas culturas, as necesidades e inquietudes que eles teñen a nivel coloridos, tallaxe, presentación do produto…todo iso marca a diferencia.

É moi diferente o seu traballo e a moda en Dubai, Nova York, Madrid…?

Si, é moi diferente, pero moito tamén o fai a marca para a que traballas. Por exemplo, o meu traballo anterior era nunha firma de home na que todo xira sobre o luxo, máxima atención ao detalle. Na que estou agora, Alexander Wang, por exemplo é unha marca moito máis nova, moi urbana…

Que buscan en vostede cando o contratan?

Eu creo que a paixón que ti podes traer. A paixón, a enerxía, as gañas de desenvolver algo. E por suposto, cando xa trabállaches con tantas casas tes unha experiencia acumulada, aportas seguridade, capacidade de dirección, imaxe…

Con todo esta experiencia, hai algo que lle sorprenda de Nova York, ou xa ten a sensación de que o tiña todo visto?

Non, nunca está todo visto. O que máis me chama a atención de Nova York é que todo é tan grande…vivín noutras cidades como París, que ao fin e ao cabo é bastante pequena comparado con isto. Soamente Manhattan dunha punta a outra é un mundo. E a nivel de traballo, o que máis me chama a atención é que aquí a xente traballa moi duro, é moi esixente e hai moita competitividade se o comparamos con outros países.

Ten visión do seu traballo dentro de 10 anos? 

Pois eu vexo unha evolución clara e que me gustaría implementar. A tenda nos anos 60 e 70 estaba enfocada ao vendedor. Todo pasaba detrás do mostrador e nas estanterías. O vendedor aconsellaba e case escollía. Nos 80, Benetton revolucionou o panorama e o produto pasa a ser a estrela. Benetton pon a roupa a man do cliente. Este modelo é o que funciona hoxe 30 anos despois. Nos últimos 5 anos internet afectou moito á evolución do mercado. Xa temos probadores interactivos que che din o que hai dispoñible na tenda. Por exemplo, eu implantei un sistema en Verska que che dicía en que outra tenda do grupo podías atopar esa prenda se non a había onde estabas. En “high street”  (roupa de rúa, de diario) é moi difícil implementar este concepto porque necesitas moito espazo na zona de probadores e un cambio de mentalidade no cliente. A tecnoloxía pode axudar pero no o é todo…

En todo caso o enfoque xa cambiou. Hoxe en día a roupa non é unha necesidade, é un desexo, tes que conseguir que alguén desexe unha peza de roupa, e para iso é necesaria unha experiencia de compra agradable. A tenda que eu vexo no futuro ten máis espazo, mais aberto, coma un showroom, con apenas unha prenda colgada que poidas tocar e un equipo de xente que che vai dicir todo o que necesitas a través dun Ipad: tallas, cores, ofertas, etc. Así se reduce a zona de ventas, e non hai reposición de produto, porque todo pasa na parte de atrás. Amplíase a zona de probadores onde a persoa que che atenda será a encargada de levar todo o proceso, desde a entrada a saída. Será tamén quen che cobre, polo que se eliminarán as colas. Así o vexo, encantaríame implementar un sistema así e desenvolvelo para axustalo as necesidades de cada clase de cliente, e con todo o que viaxei xa, faríao encantado en calquera parte do mundo. Alí onde me queiran (risa). 

Te puede interesar