la tribuna

Rúa Lepanto ou da Obra

Ourense realizou unha renovación urbanística onde puido comprobarse o poderío acadado por certas familias da nobreza local

A rúa da Obra ou de Lepanto ten a importancia de ser o lugar onde se procedía a tratar os elementos construtivos da catedral auriense. Con posterioridade, a súa función esencial foi a de unir a fachada norte da catedral coa praza do Ferro e por onde secularmente transcorría boa parte da vida social e relixiosa da cidade. Por ela comezan as procesións de aboengo.

Esta rúa ten unha personalidade propia, con casas blasonadas, varias con arcadas, escudos, voladizos e balcóns señoriais de traza medieval propios do cincocentos, que ao paseala deixa ledos os sentimentos. Se saímos desde a praza do Ferro, se remata na porta norte ou do Santo Cristo, reconstruída a finais do século XV, onde se descubren as figuras do Antigo e Novo Testamento propias do románico e o gótico. Esta porta conclúe con muros almenados para se defender das loitas entre os condes de Lemos e Benavente. A parte superior posúe a coroa que remata na atractiva e suxerente lanterna central.

Segundo o artigo 2º do Capítulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de “El Eco de Ourense”, a rúa de Lepanto está integrada no Primeiro Distrito. A rúa de Lepanto tomou este nome o 16 de marzo 1850 por acordo plenario do Concello, e iso que tiña dende o medievo o de rúa da Obra. O troco do nome, segundo Adrio Menéndez, “foi acollido si non con entusiasmo alo menos con benevolencia”.

Olga Gallego Domínguez, no libro “A cidade de Ourense...”; Otero Pedrayo na “Guía de Galicia”; Ferro Couselo no “Itinerario histórico y artístico del Orense perdurable”, e Fariña Busto co seu texto “Ourense”, foron as principais plumas que informaron sobre a rúa Lepanto. 

Co paso do tempo, Ourense realizou unha renovación urbanística onde puido comprobarse o poderío acadado por certas familias da nobreza local, que construiu algún dos pazos vilegos do século XV en diante, entre os que se atopan, principalmente, as casas dos Deza, Méndez Montoto, Sotelo e Rodríguez de la Morera. 

A Casa dos Sotelo tiña arco de medio punto, dovelas e timbrado coas armas da familia. 

A Casa dos Deza ergueuna o arcediago Deza e Alonso González de la Morera. Ten arcos conopiais nas fiestras e ornamentación sinxela, unha cadea sostida en cada extremo por cadansúa man. 

Este motivo tamén dáse no patio do Pazo dos Oca Valladares (Liceo). Consta de tres altos, o último con pilastras rematadas por ménsulas e gárgolas. O escudo é cuartelado coas lises dos Deza e as moreiras dos “de la Morera”.

A Casa dos Méndez acolle o Museo Municipal de Ourense. Tivo duas construcións, a primitiva, de Francisco Méndez Montoto reconstruida en 1595 segundo a inscrición que se conserva no dintel do zaguán coas súas armas esculpidas na portada da casa. A traseira daba á rúa de Fornos. Posuía horta, pozo e laranxos. Tiña un patio central desde o primeiro andar cegado por unha escaleira lateral de pedra. Alonso Méndez Montoto, o Vello, alguacil maior da Real Audiencia, morto en 1617, fillo de Francisco, foi o seu sucesor e despois o seu neto, tamén de nome Alonso, que casou con María Enríquez Vilamarín, filla de Moure Vilamarín e da súa muller Isabel Enríquez de Moure, dotada con 1.000 ducados en 1608 para casar con Alonso.

María morreu en 1614 e, en 1624, Alonso, xa viuvo, deu en arrendo ao seu irmán Benito Méndez Montoto as casas principais que tiña na rúa da Obra, na que viviu o maxistral Dr. Villamarín durante tres anos a 27 ducados ao ano. Na fachada actual figuran as armas dos Vilamarín e dos Méndez.

Francisco Rodríguez de la Morera viviu dende a década dos vinte do século XVI e morreu en 1559; acadou unha das mais importante fortunas da cidade, comerciando en panos, grans e moitos bens rústicos e urbanos na primeira metade do XVI, que se materializou na Casa da rúa da Obra, cos escudos dos Deza e dos Rodríguez de la Morera, á beira da Casa dos Méndez.

No comezo da rúa Lepanto, fronte ao pórtico da catedral, atópanse a casa blasonada neoclásica, case rococó, dos Bahamonde; outra casa fidalga de estilo case oxival e outra popular que perdeu o voadizo fronte á capela do Santo Cristo.

A casa número 18 da rúa Lepanto tivo unha longa historia no eido do xornalismo: a imprenta La Propaganda Gallega tiña nela a súa sé. Valentín Lamas Carvajal relacionou con esta casa e imprenta a dous dos seus xornais: O Tío Marcos d´a Portela, o máis galego por excelencia de todos os tempos, subtitulado "Parrafeos d´o Pobo Gallego", saido da imprenta sita nesta casa, ainda que tiña a redacción e administración na rúa de Alba, 15. A súa periodicidade era quincenal, sendo o 7 e o 22 de cada mes os días de saída, posteriormente desde 1876 ata 1889, despois semanalmente. No mesmo local, Lamas tivo a redacción e administración do seu xornal El Heraldo Gallego, do que era director. Editado no propio Heraldo… e na imprenta “La Propaganda Gallega”, foi de 1874 a 1880. 

Outro xornal ourensán, El Avisador Orensano, de periodicidade diaria, tiña a súa redacción e administración neste número 18 e a imprenta era La Propaganda Gallega. O seu primeiro número saiu en 1878, e o derradeiro, o 20 de agosto do mesmo ano.

No número 27 da rúa Lepanto naceu o fillo da florista, o escritor, novelista, poeta, xornalista… Eduardo Blanco Amor.

En 1853, o daquela Liceo de Artesáns, hoxe Liceo de Ourense, tivo a súa sé nesta rúa. Mentres, no ano 1856, en moitas das casas desta histórica rúa existían porches ou soportais, algúns elegantes pero outros angostos con voadizos que sobresaían esaxeradamente sobre a vía pública.

 A actual rúa Lepanto segue tendo a importancia, actividade e o atractivo de Auriabella cun forte movemento social e económico estando ocupados os baixos por activos negocios hosteleiros en todos eles.

Te puede interesar