Rueda insiste na mensaxe de que “Galicia non para”

Alfonso Rueda, rodeado de persoas do PP en Caldelas.
photo_camera Alfonso Rueda, rodeado de persoas do PP en Caldelas.
O presidente do PP galego visita Castro Caldelas a unha semana das eleccións municipais

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou en Castro Caldelas “a Galicia que non para, representada polo Partido Popular, fronte a aqueles que a pretenden frear, como demostrou nas últimas semanas o tripartito conformado por PSOE, BNG e Sumar”. Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e o portavoz local, César Enríquez, Cachín, Rueda fixo un percorrido pola vila e despois trasladouse a comer ao restaurante-pensión rústica Caldelas Sacra, acompañado de medio cento de veciños e veciñas.

Unha nota do partido fai referencia as que a intención do líder dos populares galegos era visitar este concello co bus de Galicia non para!, “como xa fixo en oito municipios de todas as cores políticas, pero o goberno local do PSOE impediu a súa chegada, demostrando ter unha idea moi afastada do verdadeiro significado da democracia, e revelando medo e nerviosismo ante a forza do Partido Popular en Galicia”.

Efectivamente, a presencia desa campaña foi tachada de partidista polo PSOE, concretamente pola alcaldesa, a socialista Sara Inés Vega. Hai que lembrar que este municipio celebra eleccións municipais o vindeiro domingo día 26.

Non obstante, o presidente Rueda foi igual ata Castro Caldelas “e puxo en valor que, fronte a estas trabas da esquerda, a nosa Comunidade prefire ser unha illa de estabilidade, xestión e sentidiño”. Lamentou Rueda que o BNG “participara e apoiara a EH Bildu nunha manifestación a favor da independencia do País Vasco”.

Pola súa banda, Cachín trasladoulle que fará todo o posible “por exportar canto antes ao seu municipio o modelo do Goberno galego” e tamén lle asegurou ao presidente do PPdeG que, cando chegue o momento, “Castro Caldelas será clave na consecución da súa primeira maioría absoluta”.

Te puede interesar